Xove repartirá preto de 5.000 euros en premios de Entroido

O Concello de Xove celebrará os días 21 e 22 de febreiro a tradicional festa do Entroido.

Os nenos e maiores poderán desfrutar ao longo destas xornadas cos actos programados para a ocasión, que darán comezo o venres 21 ás 11 horas co desfile polas rúas de Xove e o festival de Entroido da Escola Infantil no salón de actos.

O sábado 22 ás 16.00 horas veciños e visitantes poderán deleitarse co pasarrúas a cargo da charanga Louband, que ademais actuará previamente na residencia da terceira idade.

Ás 17.00 horas dará comezo o tradicional Desfile de Entroido que percorrerá as rúas da vila desde a nave-almacén do campo de fútbol ata o Centro Cívico.

O desfile estará dotado con case de 5.000 euros en premios repartidos en varias categorías. As carrozas levarán 1.750 euros, en adultos, 1.250 serán para grupos de máis de 10, 490 para grupos de menos de 10, 230 para parellas e 190 individuais.

En infantís, os grupos terán 490 euros, as parellas 230 e os individuais 190 euros. Ademais, haberá premios ao disfraz máis orixinal, ao conxunto máis numeroso, ao máis lonxevo e o máis novo.

Pola tarde os veciños poderán asistir no pavillón municipal a un divertido baile de disfraces que contará coa animación musical da discoteca móbil Decibelios e o grupo Fénix.

Durante o transcurso do baile realizarase a entrega de premios do Desfile de Entroido na categoría infantil ás 20.00 horas e ás 00.00 as restantes categorías.

Etiquetas