O PP de Trabada pide explicacións sobre as condicións ofertadas no asentamento das familias

O Partido Popular de Trabada demandará no pleno explicacións á alcaldesa sobre o proxecto anunciado polo Concello o pasado ano para o mantemento de unidades educativas no Ceip Plurilingüe Celso Currás, e que consistía en que a entidade local poñía a disposición dos interesados unha vivenda gratis se a cambio escolarizaban a dous o máis fillos con idades comprendidas entre os tres e os seis anos.

Concretamente, foron unhas 16 familias de Lugo, A Coruña, Ourense, A Rioxa e Cidade Real,  as que se interesaron pola oferta, reunindo varias delas o requisito de ter, como mínimo, dous fillos nas idades indicadas. Pola súa banda, o Concello, para levar a cabo este proxecto, dispuxo de dúas vivendas rehabilitadas e equipadas, ademais de dúas casas rurais. Familias con nacionalidade venezolana e colombiana tamén amosaran o seu interese nesta iniciativa.

O que pretenden os populares é saber se a entidade local está a cumprir os obxectivos previstos, agardando que non se empregase “este asunto para facer política coa xente”. “Cremos que a alcaldesa debe de render contas, pois o proxecto ten a suficiente envergadura como para facerlle un seguimento. Esas familias viñeron a Trabada cunhas condicións que, cando menos, se lles deben de facilitar. Iso é o que nos interesa saber, que estean contentas no noso concello e estean a emprender a súa vida satisfactoriamente”, remarca o voceiro do PP, José María Fernández.

E é que, segundo apunta Fernández, “sería moi lamentable que este proxecto fose só usado para acaparar titulares nos medios e uns cantos votos. O que queremos é constatar, en definitiva, é que a alcaldesa está traballando para as persoas e non usándoas para o seu interese político”, conclúe.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: