Axencia de colocación

Unha ducia de locais focegos participarán na Festa da Cociña Afrodisíaca

O CCA focense organiza a décima edición da Festa da Cociña Afrodisíaca, os días 14, 15 e 16 deste mes. Unha ducia de locais hostaleiros ofrecerán tapas afrodisíacas ao prezo de 1,5 euros. Entre as propostas que poderemos atopar non faltarán ostras, fresas, chocolate, algas, aguacate ou améndoas, entre outras. Os locais participantes son: A Ribeira, A Funcional, O Lar, Cafetería Mayros, Xoyma, Anduriña, Portochico, Casa Damián, Tangarte Mariñeiro, Tangarte Mesón, Brasas e Hotel Oca. 

As tapas afrodisíacas foron presentadas por Moncho Castro, de Anduriña; Ángeles Piñeiro, de Xoyma; e Rubén Rodríguez, de Tangarte. 

E tamén haberá doces afrodisíacos en Foz do 13 ao 16 de febreiro, que elaborarán as pastelerías Amarena, Anduriña e Xoyma e que venderán ao prezo de 2 euros. A presentación neste caso correu a cargo de Ángeles Casas, de Amarena; Moncho Castro, de Anduriña; e Ángeles Piñeiro, de Xoyma. 

Por outra banda, moitos establecementos hostaleiros contarán con menús especiais para celebrar San Valentín ás comidas e ás cenas.

A Festa da Cociña Afrodisíaca enmárcase na campaña de San Valentín de ACIA/CCA de Foz, que sorteará 500 euros en premios. Na cita participan un total de 77 comercios e as persoas que realicen as súas compras neses establecementos recibirán papeletas para entrar no sorteo, que se celebrará o 17 de febreiro (luns), a través de Radio Foz. 

Os premios consistirán nun vale de compra de 200 euros e outros seis de 50 euros cada uno. 

Etiquetas