O Pescados Rubén caeu ante o Barcelona en cuartos de Copa do Rei

O Pescados Rubén Burela FS despídese da Copa do Rei rozando a xesta en cuartos nun desafío máximo ante o campión, FC Barcelona, e co Palau como escenario.

Os pupilos de Juanma Marrube plantaron cara a un dos grandes nunha cita na que houbo de todo, ofrecendo rendemento e fortaleza sen complexos. A alma laranxa conseguiu adiantarse no luminoso e aguantou o empate na primeira parte; despois soubo como remar contra corrente remontando un 3-1 ante o xigante blaugrana forzando así a prórroga, aínda que a fortuna se esvaeu na rolda de penaltis.

A maxia de Matamoros atopou recompensa xa no minuto 3, asistido por Renato. Tras a dobre intervención de Edu ante Lozano e Daniel no minuto 12, o conxunto galego apostou por xogo de cinco con Álex Diz con cesión a Mata. Igualou a contenda Marcenio no 15 e a esencia burelista soubo conter o seu torrente para conservar as táboas durante o primeiro acto.

Os todopoderosos tomaron a iniciativa no marcador tras o descanso, con vantaxe ata o 3-1 en tan só un minuto, roldando o 15, con Lozano tras saque de esquina e pouco despois Ximbinha. Responderon os do Mariskal con Joselito como porteiro xogador e atoparon o premio antes do ecuador deste acto, con Xande que cazou o rexeite de Diz tras primeira tentativa de Matamoros. A alianza entre o 15 brasileiro e o 10 de ouro desencadearon no empate, con 9 minutos aínda por diante e para forzar a prórroga e chegar aos penaltis. A final four escapou ante o pleno de acertos dos blaugranas.

Etiquetas