Viveiro foi unha das cinco sedes que acolleron a XI Olimpíada de Xeoloxía

O Concello de Viveiro foi durante a xornada de onte o escenario das probas prácticas e teóricas da XI Olimpíada de Xeoloxía, que reuniou na vila a 60 alumnos e alumnas.

En concreto, Viveiro foi unha das cinco sedas galegas da proba e hoxe estiveron representados na vila alumnos do IES Perdouro de Burela; IES Moncho Valcarcel das Pontes; e o IES María Sarmiento e IES Vilar Ponte, de Viveiro.

En palabras da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, “é unha honra para a nosa vila participar neste tipo de iniciativas, o ensino é prioritario na nosa acción de goberno e somos un concello acolledor, estamos encantadas de ser hoxe unha das sedes da olimpíada”.

No acto de clausura e de entrega de premios e diplomas, Jesús Fernández, tenente de alcalde de Viveiro, agradeceu o esforzo “dos docentes e dos sesenta alumnos participantes, os nosos máis sinceiros parabéns e a nosa gratitude pola súa implicación, facendo posible que esta actividade fose un éxito”.

“Quero agradecer á Asociación Española para la Enseñanza de Ciencias de la Tierra, á Sociedade Española de Xeoloxía e ao Colexio Oficial de Xeólogos o seu gran traballo e esforzo na organización destas olimpíadas e por brindarnos a oportunidade de participar”, manifestou.

“Por suposto, en nome do Concello de Viveiro quero felicitar aos alumnos e alumnas que obtiveron os mellores resultados e aos que hoxe foron seleccionados para pasar á fase nacional, o vindeiro 28 de marzo en Cuenca, os nosos mellores desexos para que disfruten da proba e poidan obter os mellores resultados”, engadiu Fernández.

Etiquetas