Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O conxunto histórico de Mondoñedo e a zona contigua do mesmo, primeira área Rexurbe de Galicia

Por 14 Febreiro, 2020Sin comentarios

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, amosa a súa satisfacción polo acordo acadado no Consello da Xunta de Galicia, a través do cal o conxunto histórico e a zona contigua de características similares ( rúas Álvaro Cunqueiro e San Roque, e parte alta da Estrada dos Remedios) son declarados área de rexeneración urbana de interese autonómico  -área Rexurbe-.

Deste xeito, a localidade mariñá é a primeira da comunidade en acadar esta distinción que foi creada pola Lei de Rehabilitación e permitirá adoptar medidas de rehabilitación, sociais, ambientais e económicas en conxuntos históricos degradados que teñan a categoría de Ben de Interese Cultural.

A máxima mandataria municipal destaca a vontade colaboradora do Goberno autonómico e traslada “un profundo agradecemento” aos traballadores do Concello, do IGVS e da consellería. E é que esta declaración, di, “contribuirá a por en valor a nosa riqueza cultural e patrimonial”.

“Como mindoniense e como alcaldesa teño que dicir que hoxe é un gran día para Mondoñedo. Mondoñedo é cultura, é arquitectura, é poesía, é turismo…. e esta declaración suporá un salto cualitativo e cuantitativo para o impulso dos nosos recursos”, afirma con rotundidade.

Neste senso, considera que “será un atractivo máis para a rehabilitación e para atraer investimento así como para animar aos propietarios a facelo”.

Instrumento para os cascos históricos de Galicia

E é que as áreas Rexurbe serán un elemento importante para os cascos históricos de Galicia. Contarán cun plan de dinamización como figura central de deseño do futuro da área, que fixe unha meta e a folla de ruta a seguir, mediante o estudo dos distintos usos alternativos, a análise, no seu caso, das modificacións urbanísticas precisas e a elaboración dun plan de financiamento que serva para concentrar os esforzos da iniciativa pública, tanto dos distintos departamentos da Xunta de Galicia como do resto de administracións sen esquecer a iniciativa particular.