Axencia de colocación

Loureiro lamenta “as mentiras e a falta de lealdade” de Balseiro sobre as obras obras da Xunqueira

O grupo de goberno do Concello de Viveiro quere amosar a súa decepción con José Manuel Balseiro Orol, delegado territorial da Xunta en Lugo, polas súas declaracións sobre a reunión de onte con Augas de Galicia, “nas que minte e amosa unha grave falta de lealdade”.

“Nos sorprenden as declaracións, son incertas e só estivo 20 minutos na reunión, polo que me parecen moi atrevidas e unha falta de ética total; na propia reunión acordouse coa directora de Augas de Galicia que, tendo en conta que era un encontro de traballo, ninguén faría declaracións á prensa”, afirma a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

“O primeiro que cómpre aclarar é que a reunión foi solicitada por min co fin de establecer todas as bases e concretar os datos necesarios para poder subscribir un convenio entre as tres administracións implicadas, motivo polo cal tamén asistiu á reunión unha deputada provincial, a secretaria municipal e os voceiros dos partidos políticos con representación municipal, tendo en conta a vital importancia deste asunto para este concello”, sostén Loureiro.

“O Concello de Viveiro non foi coas mans baleiras como afirma o señor Balseiro, mostra disto é o resultado da reunión, na que se determinou exactamente as actuacións a incluír no futuro convenio e o seu concreto contido; non era obxecto desa reunión que este concello levara ningún borrador, pois, como dixen, estaba pendente de determinar o alcance do mesmo”, engade.

A alcaldesa afirma que “o señor Balseiro asegura que a Xunta de Galicia ten consignada unha partida para a redacción dos proxectos técnicos das obras no Orzamento de 2020. Non sei que é realmente o que pode ter orzamentado, por que aínda no día de onte se descoñecía cal podería ser o custe do proxecto; custe que, por certo, se acordou tamén no día de onte financiar entre as tres administracións”.

“Claro que este concello vai a consignar nos seus orzamentos a cantidade necesaria para facer fronte á parte que lle corresponda, pero nós somos máis prudentes e farémolo cando saibamos a cantidade que temos que consignar”, advirte María Loureiro.

O grupo de goberno do concello considera “unha lástima que o señor Balseiro saíra dicindo estas barbaridades despois da fructífera reunión de onte, na que se amosou disponibilidade total tanto por parte deste concello como por parte da Deputación e de Augas de Galicia”.

“Un compromiso que, dito sexa de paso, o Concello e a Deputación amosaron dende o primeiro momento; de feito, a Deputación de Lugo xa vai investir 116.000 euros no arranxo do muro do cemiterio, que tamén se viu afectado pola riada, ademais de comprometerse coas actuacións tratadas no día de onte”, asevera o grupo de goberno.

“Considero que foron unhas declaracións en clave electoralista que confunden aos veciños e veciñas de Viveiro e que se apartan do sentido da reunión de traballo celebrada no día de onte”, remata a alcaldesa.

Etiquetas