Barreiros aumenta as horas de atención a dependentes

A concelleira de servizos sociais, Carmen Veiga, explica que “a Xunta ofertou unha cantidade de horas que os concellos poden solicitar para ampliar a atención a persoas dependentes e o goberno municipal apostou por solicitar un número suficiente para que non quedase ningunha persoa sen atención no fogar en Barreiros.”

Para poder prestar este servizo, o concello ten contratadas a 25 persoas auxiliares de axuda no fogar que realizan o seu traballo de luns a domingo, en función da demanda das persoas usuarias.

O incremento asumido en xaneiro ascende a 300 horas mensuais, o que supuxo o incremento do orzamento neste servizo en 30.000 euros anuais; demostrando “o compromiso deste goberno municipal coa atención e os servizos ás persoas maiores”, asegura a rexedora barreirense, Ana Ermida.

Actualmente, o consistorio barreirense presta un total de 1.775 horas mensuais, das que case 1.500 se corresponden con horas de atención a persoas dependentes.

“O goberno municipal é consciente da necesidade da prestación dun servizo público de calidade e da necesidade das persoas maiores de contar con servizos e coidados. Por iso, aínda na delicada situación económica municipal, o incremento de orzamento que poida sacarse do aforro en gastos menos prioritarios, irá destinado a mellorar e ampliar os servizos básicos, como pode ser o caso”, manifestan desde o goberno.

Etiquetas