Skip to main content
ActualidadeCervoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Cervo executa a última fase da plantación de árbores autóctonas

Por 22 Febreiro, 2020Sin comentarios

O Concello de Cervo traballa durante estes días na plantación de árbores autóctonas na parcela municipal do polígono de Cuíña, moi preto do casco urbano de San Ciprián.

Estes labores están integradas na última fase dun proxecto integral de reforestación en colaboración coa Fundación Alcoa, American Forest e a firma local Entorno Ambiental que supón a plantación total de 3500 árbores do país (1680 foron xa sementados na primeira etapa, no outono de 2018 e outras 1620 en Febreiro de 2019).

Nesta última etapa participarán 25 alumnos do instituto de Cervo I.E.S. Marqués de Sargadelos, na que se plantarán 200 árbores de especies endémicas como maceiras, pereiras, cerdeiras silvestres e espiños brancos.

Con esta acción dase por rematado o proxecto Bosque Alcoa e a recuperación do monte de Cuíña. Esta finca de 6 hectáreas foi revitalizada con piñeiros, loureiros, maceiras, pereiras, acivros ou carballos “porque cremos que a recuperación dos bosques típicos galegos é beneficioso a todos os niveis, tanto pola súa compoñente turística, como produtiva; xa que estas fincas poden ser a medio prazo un importante recurso para reforzar as economías familiares”, precisou o rexedor, Alfonso Villares, quen acompañado da edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, supervisou os traballos de plantación de árbores autóctonas na parcela.

O Concello de Cervo ten en marcha un Plan de Reforestación Integral que iniciou fai máis de dez anos nas parcelas de titularidade municipal, nas que xa se plantaron máis de 11.000 árbores autóctonas.