Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Apaga Ribadeo organiza un novo curso de formación sobre climatización

Por 25 Febreiro, 2020Sin comentarios

A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) organiza un novo curso que se celebrará esta fin de semana, o día 29, en Ribadeo. Será no Centro de Experimentación Agroforestal Pedro Murias, onde Pedro Álvarez impartirá un curso sobre climatización, que terá unha duración de oito horas e para o que hai xa preto de 20 persoas inscritas. O presidente de APAGA, Álvaro Doural, anuncia que ata finais de maio todas as fins de semana haberá actividades formativas en Ribadeo e agora tamén na Coruña.

Doural explicou que “este curso de climatización se vai facer no Centro de Experimentación Agroforestal Pedro Murias de Ribadeo, que desde hai unhas datas é a nova ubicación da asociación de profesores, onde temos unhas instalacións cedidas pola Consellería de Medio Rural. O día 29 vaise facer un curso de climatización no que se vai falar das novas tecnoloxías, dos novos gases que se van utilizar nos vehículos”.

O presidente de APAGA dixo que “é un curso que practicamente xa está pechado, queda algunha praza, pero tivo unha gran afluencia de xente moi interesada. De aquí a finais de maio están programados cursos todos as fins de semana. Algúns deles vanse facer na nova sede que temos en Coruña e outros en Ribadeo. A maioría seguen facéndose en Ribadeo, pero algúns si se van desprazar coa idea de que o curso sexa da maior calidade posible, de ter uns materiais e os medios axeitados aos contidos do mesmo”.

Álvaro Doural anunciou que “posiblemente en datas antes do verán imos ofertar outro tipo de iniciativas. Estamos nun ano de continuos cambios, de continuas posibilidades. Desde a asociación cremos que debemos responder ao reto que hai de necesidades de formación, e tamén naqueles casos de toda aquela xente que se queda sen formación e sen un medio onde poder competir despois no mundo laboral. Creo que imos a ese campo, como asociación sen ánimo de lucro penso que debemos responder a todo ese tipo de iniciativas”

O presidente de APAGA cre que “é un apoio a resolver todas estas situacións que se están dando na Mariña de cantidade de empresas que están pechando ou en situación crítica,  e penso que o tema da formación é un poder importante que está aí. Ata finais de maio vai haber unha programación as fins de semana, e de cara ao verán esperamos poder ofertar cousas novas e outros proxectos que se están facendo noutros países de Unión Europea. Creo que hai campos moi atractivos e que se poden programar actividades que supoñan un valor engadido a toda a xente da Mariña”.

Doural engadiu que “neste momento estamos reordenando a nosa organización, aínda que hai pouco tempo que fixemos uns cambios, vai haber outros con máis profundidade de aquí ao verán que penso que poden ser moi novidosos, moi atractivos e interesantes para as persoas que viven nesta zona de Galicia. Algunha das actividades pensamos que imos ofertalas a nivel galego ou ás comunidades autónomas cercanas”.