Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O PP esixe a Loureiro que repare as graves deficiencias do paseo de Covas

Por 26 Febreiro, 2020Sin comentarios

O Paseo de Covas precisa con urxencia obras de consolidación e o Concello de Viveiro, do que depende, non ten previsión algunha para acometer as melloras necesarias. Así se desprende da resposta dada pola alcaldesa, a socialista María Loureiro, ao rogo presentado polo grupo municipal do PP no pleno do pasado 11 de decembro. Diante deste estado de cousas, os edís populares reclaman do goberno municipal que adopte as medidas precisas para corrixir canto antes as deficiencias sinaladas pola alcaldesa.

Segundo se recolle na acta da sesión, a presidenta da corporación municipal apuntou que case trinta anos despois da súa construción, o paseo marítimo de Covas atópase nun grave proceso de deterioro. Dixo que este paseo levantouse sobre un solo de area e as filtracións de auga ao longo de todo este tempo danaron de forma irreversible o subsolo, afectando á estrutura do paseo. Desde xeito a presidenta da corporación municipal veu a dicir que os problemas que presenta non van ser corrixidos polo Concello, ou polo menos todo indica que non hai nada previsto a curto prazo. A alcaldesa limitouse a indicar os labores de mantemento que se levan a cabo. Á vista do resultado, parece que incluso o traballo de conservación é moi inferior o que sería necesario.

A concelleira popular Teresa Pérez, no rogo que presentou no pleno do 11 de decembro, destacaba que «o paseo máis importante do pobo está nun estado deplorable de abandono: o solo ennegrecido, por non dicir con mofo; con cantidade de baldosas estragadas, con herbas que medran polo medio delas, con desniveis nos que se forman pozas cando chove». Engadía que existe perigo de caída para persoas con  mobilidade reducida. A mesma concelleira explicaba que tanto o muro como os bancos e as pérgolas teñen un ton gris, pola falta de limpeza.

Vistas as afirmacións da alcaldesa, resulta que o problema é moito máis grave aínda do que denunciaban os concelleiros populares. Non  só hai falta de mantemento, é que o paseo ten, segundo a alcaldesa, problemas estruturais. O PP reclama ao goberno municipal que adopte as medidas precisas para reparar canto antes os problemas do paseo de Covas, de modo que estea en boas condicións para o próximo verán.