Skip to main content
ActualidadeO VicedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Concello do Vicedo aproba uns orzamentos de 2,2 millóns de euros

Por 27 Febreiro, 2020Sin comentarios

O Concello do Vicedo aprobou no Pleno os orzamentos que rexirán o concello durante este ano que empeza e que ascenden a 2.250.000 euros, a falta das aportacións do Plan Único, o Plan Marco e outras subvencións que poidan xurdir.

Un dos principais cambios deste orzamento será o descenso no capítulo de inversións en 126.00 euros motivado porque faltan por introducir o Plan Marco, que ascende e máis de 32.000 euros e o Plan Único, principal, que supón outros 120.000. O alcalde do Vicedo, Jesús Novo, aclarou que con estes investimentos xa confirmados si que aumentaríamos o investimento”.

Engadiu Novo que falta por saber o Plan Hurbe “do que tivemos fondos o ano pasado, uns 120.000 euros e que non sabemos si vai saír”.

Outra importente novidade é  o capítulo de persoal, xa que aumenta o seu montante pola subida do IPC, por unha banda e para reaxustar os salarios dos traballadores temporais, “que non estaban cumprindo co novo soldo base”. Neste capítulo engádese o obradoiro de emprego, que supón 180.000 euros e os gastos dos dous cursos da Xunta que se están a impartir e que supoñen outros 60.000 euros. En total o gasto de persoal supón o 42% do orzamento.

Un dos grandes cambios destes orzamentos é o aumento das subvencións ás asociacións, que son nominativas e que serán iguais para todas por un importe de 1.400 euros agás Educando en Familia e Aspanane, que lles corresponden 2.100 euros anuais. Este cambio, que supón un aumento do 50%, foi realizado a iniciativa do PSOE.

“Temos que facilitarlles as cousas ás asociacións polo traballo que desenvolven e por iso decidimos facer as subvencións nominativas e agora igualalas e subir o que reciben para axudalas a facer este traballo”.

Ademais, as comisión das festas patronais recibirá 6.000 euros e despois cada parroquia terá unha aportación fixe de 400 euros por festa.

Jesús Novo, pola súa banda, adiantou que no capítulo de rebacheos e arranxos de vías baixaron “a unha cantidade irrisoria” de mil euros “porque non podemos romper a regra de gastos que nos impide acudir ao remanente”.

Noutra orde de cousas, adiantou que están pendentes dúas obras importantes, por unha banda o amaño do campo de fútbol do Folgueiro, que conta cun orzamento de 200.000 euros e que supón levantar todo a terra para meter drenaxe e cambiar o sistema de aspersores ademais do seu acondicionamento.

Outra das grandes obras pendentes é a construción do aparcamento no Fuciño do Porco. O proxecto  está bastante avanzado e agora mesmo están en fase de modificación en medio ambiente. “Polo de agora os cambios da Xunta obríganos a baixar de 190 prazas de aparcamento que tiñamos inicialmente a 160 para rebaixar o impacto ambiental”, indicou Novo. Ademais asegurou que para estas obras, previstas para este ano, acudirase ao remanente para o seu financiamento.