Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Ribadeo solicita un novo obradoiro dual de emprego

Por 27 Febreiro, 2020Sin comentarios

O Concello de Ribadeo ven de solicitar diante da Consellería de Economía, Emprego e Industria un novo obradoiro dual de emprego para poñer en valor e promocionar o Camiño de Santiago ao seu paso por Ribadeo. O obradoiro levaría por nome RibadeoXCamiño, tería unha duración de nove meses e permitiría a contratación de 20 alumn@s maiores de 18 anos que se atopen en situación de desemprego. Constaría de dúas partes, unha centrada nos produtos multimedia interactivos e outra na promoción turística local e información ao visitante.

O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “vimos de solicitar un segundo obradoiro de emprego diante da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que leva por título RibadeoXCamiño, dado que queremos aproveitar estas liñas de axuda prioritaria para o Camiño de Santiago e onde pretendemos que 20 persoas, maiores de 18 anos e desempregados, estean traballando uns nove meses”.

O rexedor dixo que “isto daría aos participantes posibilidade para a obtención de certificados de profesionalidade, desde o punto de vista do Turismo para traballar en diferentes puntos de información turística como hoteis, oficinas de turismo, etc.. Outro módulo entraría dentro da familia da Informática, que é un dos perfís laborais máis demandados na actualidade. Isto de cara ao posible persoal a formar”.

Suárez Barcia subliñou que “o que conseguiríamos para Ribadeo é desenvolver aplicacións informáticas cos diferentes puntos de interese, desde o punto de vista turístico, para ter unha información actual. Tamén para lograr unha recreación histórica de cada punto, por exemplo, como era a praia das Catedrais hai varios séculos, ou que había antes da Torre dos Moreno que estaba a Torre do Reloxo, como era a muralla medieval de Ribadeo ou como era o porto nos séculos XVII e XVIII. Unha recreación histórica desde o punto de vista informático, con realidade virtual, que penso que para o visitante sería un aliciente moi importante”.

O alcalde engadiu que “tamén nos gustaría con este obradoiro crear unha oficina temporal na contorna do Santuario das Virtudes, na Ponte de Arante, precisamente para preparar este Xacobeo 21. Por outra banda, queremos continuar coa labor de promoción do Camiño Norte ao seu paso por Ribadeo, creando unha rede de establecementos colaboradores que ofrezan produtos e que ofrezan servizos a todos os peregrinos. Polo tanto este obradoiro, moi ben fundamentado, esperemos que teña a aprobación da Consellería de Economía, Emprego e Industria nos próximos tempos”.