Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Ribadeo saca a licitación o lavado dos contedores verdes

Por 28 Febreiro, 2020Sin comentarios

O Concello de Ribadeo saca a licitación o lavado dos contedores verdes. A duración do contrato será de tres anos e o presuposto total 45.600 euros (IVE incluído). As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 11 de marzo. O anuncio está publicado na Plataforma de Contratación do Estado. 

O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, dixo: “desde a Área de Medio Ambiente informamos que ven de publicarse na Plataforma de Contratos do Estado, a licitación do lavado dos contedores verdes. O contrato que ten unha duración de tres anos, sería para todo o concello de Ribadeo, incluíndo parroquias e vila”.

O edil  explicou que “todas as empresas teñen de prazo ata o 11 de marzo de 2020 para presentar as súas ofertas e entregalas dixitalmente ou ben a través do Concello. Indicar que o prezo é 15.200 euros anuais destinados a este tipo de traballo que se fará en varias fases, unha previa á Semana Santa, outra sería en xuño, outra en agosto e outra antes do Nadal, todo isto en función das necesidades que poidamos manexar. En total son aproximadamente preto de dous mil lavados ao ano. Trátase dun contrato bastante suculento que ven reforzar ao que había anteriormente”.

Díaz Freije tamén contou que “recibimos esta semana unha partida de contedores, co convenio de Ecoembes, para a recollida selectiva. Son contedores amarelos e azuis. Aproximadamente son 50 en total, tanto dunha cousa como de outra, que en poucos días irán para as necesidades que poida haber, para substituír algúns, reforzar ou o que faga falta”.

O concelleiro de Medio Ambiente recalca a necesidade de concienciar á poboación na reciclaxe: “fago unha chamada un pouco ao compromiso da cidadanía, que cada vez sexamos coherentes co que facemos e responsables cos nosos residuos, sempre promover toda a reutilización e con responsabilidade seguir adiante”.