Skip to main content
ActualidadeFozSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O BNG de Foz presentará en Pleno unha proposta para o apoio a reivindicación feminista do 8M

Por 3 Marzo, 2020Sin comentarios

O vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o movemento feminista continúa a movilizarse tralo éxito do pasado 2019 acadando unha dimensión internacional. O BNG de Foz presenta unha proposta de apoio as movilizacións desta xornada. 

En todo o mundo, as mulleres gañan só entre o 60 e o 75 por cento do salario dos homes en traballo similares. A longo prazo, esta fenda salarial afecta ás súas pensións. Ademais, as mulleres atopanse cun maior risco de pobreza e exclusión social que os homes, instalándose especialmente nos fogares monomarentais. Na Galicia a fenda salarial entre mulleres e homes sitúase nun 30%. Esta é a porcentaxe na que debemos incrementar os ingresos medios das mulleres para igualar o dos homes e conseguir equiparación retributiva. A práctica da interrupción voluntaria do embarazo non está garantida para todas as mulleres (migrantes ou mulleres entre os 16-18 anos). A misoxinia percorre a cultura e a ciencia en todos os seus ámbitos. Na arte, na literatura, no cine, nas matemáticas, na bioloxía, na enxeñería ou arquitectura, as mulleres apenas existen no espazo público. Esta invisibilización elimina as mulleres da Historia e fai que todas as súas achegas foran e sigan sendo totalmente ignoradas. As mulleres están desprotexidas fronte ás agresións sexuais e as violacións; desde 2016 cometéronse mais de 90 agresións sexuais múltiples no Estado Español. Esiximos unha educación afectivo-sexual desde a igualdade e a diversidade sexual, identidade e/ou expresión de xénero e que eduque aos homes nunha masculinidade non violenta.  Os continuos asasinatos de mulleres deben traducirse nun rexeitamento frontal a esta inaceptable realidade, que consolide a construción dunha cultura antipatriarcal para erradicar esta violencia sistémica da vida das mulleres. O Pacto de Estado contra as violencias machistas -polo demais insuficiente- debe dotarse de forma inmediata de recursos e medios suficientes para o desenvolvemento de políticas públicas globais, reais e efectivas que axuden a conseguir unha sociedade libre de violencias contra as mulleres e nenas. Neste sentido criticamos a decisión do TSXG propón a creación de oito novos xulgados, ningún de violencia de xénero o que condena a Lugo a continuar sen esta ferramenta de xustiza. 

A notoria expansión que está adquirindo o debate e a demanda dos ventres/úteros de aluguer, non o esquezamos, de mulleres empobrecidas que son quen se ven obrigadas a esta forma de explotación capitalista e patriarcal, é un nicho de negocio que mercantiliza os corpos. As miles e miles de mulleres e nenas traficadas para consumo sexual dos homes e a súa irrefutable conexión coa “industria do sexo” e a prostitución, fai imprescindible a posta en marcha de políticas públicas e protocolos globais contra a Trata que implementen o Protocolo de Palermo para que as mulleres vítimas de trata e en situación de prostitución teñan alternativas formativas e laborais, asistencia social e mecanismos de asilo e protección reais. As mulleres migrantes sofren maiores violencias no proceso migratorio e discriminacións xenófobas e racistas. Por iso son necesarias unhas políticas de estranxeiría respectuosas cos dereitos humanos e unhas políticas públicas que creen alternativas para as traballadoras migrantes en situación administrativa irregular, que loiten contra a súa exclusión e abuso no mercado laboral. 

Este ano o feminismo non chama á folga. Loita contra o patriarcado dende a movilización e a reivindicación dun eixo, o dos coidados, que non paran nunca.  Ponse este eixo no centro das reivindicacións reclamando a mellora inmediata das súas condicións. A xornada e de denuncia fronte ás desigualdades, as discriminacións e as violencias estruturais que sofre máis da metade da poboación mundial, as mulleres, pero tamén de reivindicación dun novo modelo social, xusto, democrático e igualitario. A reivindicación feminista resposta tamén de forma estrutural, contra o sistema capitalista e patriarcal que se basea en obter beneficios e privilexios das desigualdades e opresións que sofren as mulleres en toda a súa diversidade (migrantes, racializadas, trans, con capacidades diferentes, novas e maiores). A invisibilización dos traballos de coidados, a feminización da pobreza, as violencias machistas e a falta de liberdade nas identidades sexuais e/ou expresións de xénero son algúns dos síntomas da subordinación social á que nos vemos sometidas en todas as esferas da vida e fai ineludible tomar todos os espazos que tamén nos pertencen: as rúas, as institucións, os centros de traballo ou estudo, os mercados, etc. 

Por estas e moitas máis razóns é imprescindible que este Concello apoie o Día 8 de marzo as movilización promovidas nas defensas dos dereitos das mulleres, que na mariña terán lugar a partir das 12 horas do día 8 en Foz.