Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

As xornadas técnicas e o encontro empresarial de Expomar serán o 28 e 29 de maio

Por 4 Marzo, 2020Sin comentarios

 O comité executivo da Fundación Expomar celebrou unha xuntanza para continuar coa organización das Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial que se celebrarán os días 28 e 29 de maio. Na cita deste 2020 abordaranse temas como a xestión pesqueira actual e futura ou o mercado de consumo e a comercialización. A Fundación Expomar continuará a traballar nas vindeiras semanas para pechar os poñentes deste ano.

O alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, contou que “a xuntanza que mantivemos onte foi coa finalidade de ir xa atando cabos para facer unha nova edición de Expomar, coas Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial que corresponde facer no mes de maio. Hai que ter en conta que a feira exposición se fai cada dous anos, polo tanto este ano non toca, pero si que imos ter as Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial máis Produart, que nos parece moi importante e queremos procurar que vaia collendo dimensión co obxectivo de promocionar produtos de grande calidade que se produzan na nosa comarca cun cometido ecolóxico e medioambiental, polo tanto imos procurar facelo da mellor maneira posible”.

Llano anunciou que “imos celebrar Expomar os días 28 e 29 de maio. Apostamos por estas datas para favorecer que veña a xente que vai participar nos debates e prexudicar o menos posible a outras feiras do sector como a que se celebra en Vigo. Non queremos coincidir no calendario con eventos do sector pesqueiro. As Xornadas Técnicas van ser o día 28 e o 29 pola tarde e o Encontro Empresarial vai ser o venres 29 pola mañá”.

O rexedor explicou que “este ano, por unanimidade, decidimos facer dous temas xenéricos de importancia fundamental para o sector. O primeiro é a xestión pesqueira actual e futura, o que vai dar lugar a tratar temas como o Brexit, vai haber xa moita normativa para esa data polo penso que vai ser unha cuestión determinante para tratar nestas Xornadas Técnicas. Outro tema que imos tratar é o ano 2020 que decidirá os grandes retos no sector pesqueiro na próxima década, é algo fundamental, que vai ocorrer coa pesca nos próximos dez anos, é un interrogante que nos gustaría que teña unha boa resposta para A Mariña e para Galicia. Ademais outro punto será as principais prioridades pesqueiras para a administración española, como está negociando na Unión Europea, todo isto é moi importante para o sector, sobre todo para ter claro como vai ser o desenvolvemento empresarial nos próximos anos”.

O presidente da Fundación Expomar sinalou que “no Encontro Empresarial contamos con que estean máis de 26 representantes de diferentes empresas do sector pesqueiro, onde se analizará a problemática que se debe tratar con urxencia e necesidade. Ese día imos tratar tamén o mercado de consumo e comercialización. Dividirase nas tendencias alimentarias da xente en xeral, en particular de Galicia pero tamén de España, na visión europea dos mercados e tendencias dos consumidores europeos e na visión da evolución do consumo desde puntos de venta ata a importancia nutricional”.

Alfredo Llano adiantou que “xa temos apalabrado con moita xente que vai participar nestas xornadas e máis adiante faremos público quen vai participar nos diferentes debates. Tamén estamos pensando en como motivar que a xente en xeral, teña que ver ou non co sector, poida asistir ás xornadas técnicas, e para iso imos establecer contactos cos diferentes institutos da comarca para que a xente nova se motive e veña apreciar estas conferencias que penso que van ser moi importantes tanto para a economía e para a sociedade da comarca como para manter un sector vivo con moito porvir e con moita garantía de futuro”.