Milagros Louzán tomará posesión como concelleira en Foz

A número 8 da lista do PSOE ás eleccións municipais de maio de 2019, María Milagros Louzán García, tomará posesión no Concello de Foz como nova concelleira e ocuparase das delegacións de Muller, Igualdade, Migración e Sanidade.

Esta focega de 40 anos estudou Enxeñería de Camiños, Canais e Portos na Universidade de A Coruña. Nunha primeira etapa profesional, que durou máis de seis anos, dedicouse á xestión de obras públicas en varias comunidades autónomas. Coa chegada da crise decidiu especializarse e cursou un Máster de Prevención de Riscos Laborais e ademais un Máster de Formación do Profesorado. Durante as prácticas deste último Máster descubriu unha vocación tardía: o ensino. Tomou a determinación de impartir clases no ensino público e presentouse ás oposicións pola especialidade de Matemáticas, obtendo a praza no 2016. Actualmente traballa no IES de Foz.

Milagros Louzán chega ó posto a tres xornadas do Día Internacional da Muller, que este ano levará a manifestación unitaria da Mariña ás rúas de Foz. Feminista convencida cre que “o feminismo aínda ten moito polo que loitar: cando eu tiña 20 anos non podía imaxinar que no 2020 as enfermeiras, as mestras e as coidadoras fosen aínda na súa maioría mulleres, nin unha foto do Consello Xeral do Poder Xudicial onde todos fosen homes. Isto demostra que queda moito por andar en canto a igualdade. A incorporación dos homes ós coidados é unha tarefa pendente”. Por outra banda, Milagros Louzán defende “un feminismo integrador e aberto no que todas as mulleres e todos os homes traballen nos seus respectivos ámbitos para acadar a igualdade real.” 

Outra das áreas que abarcará a nova concelleira é Migración, con respecto á cal opina que “sendo Galicia un país de migrantes non concibo unha política pública que non se preocupe pola integración e o benestar deste colectivo. Desde o Concello traballaremos para mellorar o nivel de integración dos migrantes e desmentir os bulos sobre os mesmos que só conseguen aumentar a xenofobia e o racismo.”

Con respecto á sanidade Milagros Louzán declara que “estamos ante un momento crítico de desmantelamento da sanidade pública en Galicia. Derivar servizos á sanidade privada é o primeiro paso para facer que no sistema sanitario primen os criterios económicos antes que os puramente médicos. Non nos podemos permitir que os pacientes sexan vistos como euros, e iso é o que pasa cando os hospitais son entidades privadas. Desde os concellos podemos recibir e canalizar as queixas dos veciños, ter o diagnóstico da situación feito para que cando haxa cambio de goberno na Xunta de Galicia poidamos esixir un bo trato desde esa administración para cos concellos do rural.”

Etiquetas