Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Ribadeo celebrará o Día Internacional da Muller cunha Gala

Por 4 Marzo, 2020Sin comentarios

Ribadeo celebrará o Día Internacional da Muller coa Gala Por Elas e Para Elas, que terá lugar no Cine Teatro o vindeiro sábado, 7 de marzo, a partir das oito da tarde. A entrada é libre e gratuíta. O evento foi presentado no salón de plenos do Concello. 

A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, dixo que “hoxe vimos  presentar a acción que a Concellaría de Igualdade en colaboración co CIM, está a organizar para conmemorar o Día Internacional das Mulleres. Seguindo as liñas propostas este ano pola unión do feminismo galego,nas cales se decidiu situar os coidados no centro das reivindicacións deste 8 de marzo, baixo o lema Sen coidados, non hai vida… artellamos este acto a nivel local, para poñer o foco nos coidados das persoas da nosa vila”.  

A edil nacionalista subliñou que “se trata dunha Gala que terá lugar este sábado, 7 de marzo, ás 20 horas no Teatro de Ribadeo. Unha gala Por elas e Para elas, que leva por nome: Eu coido, Ti coidas, Coidámonos. Coa elección deste título, como se pode ver no cartel, queremos facer fincapé en que se unha persoa non coida, esa persoa está descoidando. Porque os coidados son imprescindibles na nosa vida diaria: os coidados ás persoas, os coidados ao territorio, os autocoidados… Non existe un termo medio. Ou coidas, ou descoidas. Pero que se todas as persoas tomamos parte activa nos coidados… Se eu coido, e ti coidas, nese caso, coidámonos”. 

Mariluz Álvarez fixo fincapé en que “os coidados deben ser colectivizados, e debemos desmontar dunha vez por todas a idea de que a figura coidadora por natureza é a da muller. Non se poden seguir alimentando mitos como que muller nace máis capacitada para facerse cargo dos coidados do fogar, dos coidados das persoas maiores, das persoas dependentes, das fillas, dos fillos… Porque seguir alimentando eses estereotipos implica seguir mantendo roles diferenciados dentro sociedade, e polo tanto, implica que as mulleres sigamos suxeitas á discriminación”.

A directora do CIM, Luisa Couceiro, contou que “debemos destacar que todas as mulleres que participarán na gala son de Ribadeo pois é a nosa idea facer que sexa por elas e para elas. E por iso contaremos coa presenza de Carmen Rodríguez, que é a música e compositora que temos en Ribadeo; Silvia Murias, que é unha poeta afeccionada; o grupo da Escola Municipal de Danza; as mulleres do programa de dinamización das parroquias de Ribadeo Aquí como de 20, que tamén terán un papel importante nesta gala; a asociación de amas de casa; e o grupo de teatro de Ribadeo, que se encargará de presentar o acto. Vai ter unha duración aproximada dunha hora e nese tempo imos desfrutar de actuacións musicais, de danza, recitais de poesía, proxeccións de vídeo, … E ademais contaremos cun fotomatón á entrada do Cine Teatro para que todas as persoas que asistan poidan levar un recordo desta gala dedicada aos coidados e feita por elas e para elas”.

Pola súa banda, Beatriz Yáñez, técnica de Igualdade do CIM de Ribadeo, explicou que a Gala do 7 de marzo ten dous obxectivos principais: “o primeiro, facer un recoñecemento ás mulleres que levan encargándose do ámbito dos coidados historicamente sen ningún tipo de recoñecemento, e máis  invisibilizándose na maioría das ocasións estes coidados e a estas persoas… e incluso infravalorándoos. É hora de poñer os coidados no centro da vida, e para iso é imprescindible recoñecer e valorar ás persoas que exercen de coidadoras. O segundo obxectivo é lembrar a importancia dos autocoidados, de situarnos tamén a nós mesmas no centro, de ser tamén prioridade, de saber cando temos que parar, de poñer límites, de saber dicir que non, de dedicarnos tempo, de coidar o noso tempo de ocio… En definitiva, de escoitar o que necesitan os nosos corpos, igual que tan ben se nos deu escoitar o que necesitaban os demais ao longo da historia”.

Yáñez lembrou que “este ano a campaña arredor do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, comezou coa manifestación nacional do pasado domingo en Verín, organizada pola Asemblea de Galegas 8M, e finalizará coas mobilizacións locais e comarcais o vindeiro domingo, 8 de marzo. No caso da Mariña a manifestación este ano será o domingo ás 12 do mediodía en Foz, con saída da praia da Rapadoira, e posterior xantar colectivo, actuacións de grupos locais, e unha foliada feminista para pechar a xornada. Dende a Concellería de Igualdade de Ribadeo convidámosvos a todas e a todos a participar desta xornada, organizada pola suma de mulleres e colectivos feministas da Mariña que configuran a Asemblea Comarcal Galegas 8M”.