Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Viveiro fará inspeccións nas vivendas do casco histórico para comprobar o seu estado

Por 4 Marzo, 2020Sin comentarios

O Concello de Viveiro fará estes días inspeccións nas vivendas do casco histórico para comprobar o seu estado tras os últimos temporais e, de ser necesario, adoptar medidas urxentes.

En concreto, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, fixo pública unha providencia na que dispón “que os vixiantes urbanísticos do Concello realicen unha inspección ás vivendas do casco histórico co fin de comprobar o seu estado tras os temporais dos últimos meses, co fin de determinar a súa situación actual e valorar a necesidade de adoptar medidas con carácter urxente”.

A alcadesa tomou esta decisión xa que dentro do casco histórico hai un gran número de vivendas para as que se ten incoado expediente de orde de execución e tendo en conta, ademais, que os temporais acontecidos nos últimos meses puideron afectar ao estado destes inmobles.

Trátase polo tanto dunha medida preventiva por parte do concello, consciente de que as condicións meteorolóxicas foron moi adversas e co obxectivo de evitar problemas maiores.

O concello agradece a colaboración dos veciños e residentes no casco histórico, que deben comunicar calquera deficiencia que vexan nos edificios da zona.

AXUDAS. O Concello de Viveiro pon a disposición dos seus veciños e veciñas a oficina de rehabilitación municipal para a tramitación dunha nova liña de axudas da Xunta de Galicia destinadas ás vivendas.

En concreto, o Diario Oficial de Galicia (DOGA) publicou o 26 de febreiro unha resolución do 6 de febreiro pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para 2020.

Entre outras axudas convócanse as de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade e de fomento da conservación, da mellora da seguridade e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021.

A finalidade destas subvencións é manter as vivendas unifamiliares, edificios de vivenda colectiva e vivendas dentro destes edificios, tanto en ámbitos urbanos como rurais, en óptimas condicións. As subvencións son variadas, pero sempre relacionadas cos obxetivos indicados. Algúns exemplos son actuacións nas envolventes dos edificios, instalación de ascensores, actuación nas instalacións para aforro enerxético ou adaptación de vivendas.

O importe das axudas variará en función do tipo de obra, das características da vivenda e da situación do solicitante. O prazo de solicitude remata o día 27 de marzo de 2020. Para poder optar a esta axudas hai que cumprir certos requisitos, como que as vivendas sexan vivenda habitual e non ter débedas coas administración, entre outros.

Para máis información e/ou tramitar as solicitudes da axuda, os veciños poden acudir á Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Viveiro (praza Maior, 1) ou chamar ó teléfono 982 562968.