Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Iniciado o proceso para a rehabilitación do 13 e 15 da rúa Bispo Sarmiento de Mondoñedo

Por 6 Marzo, 2020Sin comentarios

O estado do parque inmobiliario é, sen dúbida, o mellor termómetro do estado de saúde das cidades, sexa cal sexa o seu tamaño. Unha das batallas máis difíciles neste terreo é a de conseguir a rehabilitación, cando é posible, dos inmobles que se atopan en mal estado.

É unha tarefa na que teñen que coincidir a vontade dos propietarios e a xestión pública. Un destes casos son os edificios número 13 e 15 da rúa Bispo Sarmiento de Mondoñedo.

Técnicos de turismo visitaron Mondoñedo para asesorar ao novo propietario dos citados edificios da rúa Bispo Sarmiento. O Goberno municipal de Mondoñedo destaca que a posta en marcha desta iniciativa é positiva desde distintos puntos de vista. Un deles, porque os inmobles en mal estado, como é o caso destes, son un perigo potencial para a seguridade das persoas. É importante igualmente porque os edificios moi deteriorados afean a paisaxe urbana e non axudan para nada, antes ao contrario, a potenciar a imaxe da cidade.

É tamén é moi importante porque é unha demostración máis de que investir en Mondoñedo é interesante. Porque é así, o Concello de Mondoñedo difunde os atractivos de todo tipo no documento informativo Mondoñedo “un municipio para invertir”.  Neste informe sobre as condicións deste concello indícase que é o máis grande da Mariña lucense, con importantes recursos naturais e un destacadísimo patrimonio histórico e natural.