Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Ribadeo acollerá en marzo as xornadas ‘O Camiño Norte como fonte de desenvolvemento’

Por 6 Marzo, 2020Sin comentarios

Ribadeo acollerá os días 27 e 28 de marzo as Xornadas O Camiño Norte como fonte de desenvolvemento, que foron presentadas polo concelleiro de Turismo, Comercio e Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso Iglesias. 

O edil ribadense dixo que “o Xacobeo 2021 vai constituír unha oportunidade única e extraordinaria, sobre a base das peregrinacións e o Camiño de Santiago, de repercusión mundial. Permitiranos poñer en valor a nosa cultura, a paisaxe, a nosa memoria e o talento local para atraer recursos e dinamizar a nosa economía, especialmente nas zonas rurais, e para impulsar accións innovadoras”.

Pablo Vizoso subliñou que “aproveitando esta circunstancia o Concello de Ribadeo desenvolveu un programa denominado Ribadeo alén do Camiño, que busca potenciar a vila como punto referente do Camiño Norte na súa dirección a Santiago de Compostela, facendo especial fincapé en ofrecer unha contorna atractiva e dinámica a aqueles peregrinos/as que deciden optar por este camiño xacobeo”.

O concelleiro de Turismo contou que “a pretensión deste proxecto é dar a coñecer, non só ao peregrino/a, senón tamén ao conxunto da cidadanía, administracións públicas, entidades privadas e aos nosos/as viaxeiros/as, o Camiño de Santiago por terras de Ribadeo. Unha ruta que conserva en gran medida as formas e modos de vida tradicionais, o que permite a identificación sobre o terreo dunha paisaxe cultural auténtica e que está conformada por bens que teñen un gran valor desde o punto de vista histórico, arquitectónico, arqueolóxico e etnográfico”.

Vizoso Galdo indicou que “no marco deste programa hoxe presentamos as xornadas que baixo o título O Camiño Norte como fonte de desenvolvemento se celebrarán en Ribadeo os días 27 e 28 de marzo con tres obxectivos: difundir entre a cidadanía as potencialidades que ofrece o Camiño Norte ao seu paso polo municipio como fonte xeradora de riqueza e desenvolvemento local; xerar un foro de debate entre profesionais do sector turístico (guías, técnicos de turismo, axencias, etc.), xestores culturais e a iniciativa privada coa finalidade de establecer medidas de xestión sostible do Camiño Norte ao seu paso por Ribadeo; e implicar ao tecido comercial e de servizos local na xestión e desenvolvemento das políticas e actuacións a desenvolver, fomentando o establecemento de boas prácticas”.

O edil nacionalista explicou que “nas xornadas analizarase o Camiño dende diferentes perspectivas (histórica, espiritual, cultural, paisaxística) e combinarase a organización de mesas – coloquio coa realización de diferentes talleres e workshops moi prácticos e participativos, que permitirán achegar aos participantes á situación actual que presenta a xestión e os servizos asociados ao Camiño e a figura do peregrino coa finalidade de garantir uns servizos e produtos de calidade respectuosos cos valores e a esencia da ruta xacobea”.

Pablo Vizoso engadiu que “se tratarán asuntos como os retos e oportunidades que presenta a celebración do próximo Xacobeo 21 como factor de desenvolvemento económico para os Concellos do occidente asturiano e da Mariña lucense; a normativa e problemática que rodea ao ámbito do aloxamento vinculado ao Camiño; a importancia de preservar a súa paisaxe; así como as directrices que deben guiar a oferta de servizos e produtos de calidade ligados á ruta e a figura do peregrino. Contaremos coa participación de preto de 20 especialistas e representantes das principais asociacións de profesionais implicadas na xestión do Camiño de Santiago que contribuirán a  enriquecer os debates que poidan xurdir durante as xornadas, que están destinadas ao público en xeral, especialmente a guías e técnicos de turismo, emprendedores e negocios vencellados ao sector turístico (aloxamento, hostalaría, servizos, etc.), estudantes”.

O logotipo do proxecto Ribadeo alén do Camiño e das xornadas é unha imaxe que une a praia das Catedrais coa Catedral de Santiago: “así, propoñémosvos unha viaxe conxunta onde se abrazarían dúas das obras arquitectónicas máis importantes do noso país: a Catedral de Santiago, obra cume da arte universal e meta de miles de peregrinos que acoden a ela para render culto ao Apóstolo Santiago; e a praia de Augasantas-As Catedrais, onde as poderosas augas do Cantábrico labraron, co paso dos séculos, o que hoxe se antolla como capricho da natureza, e sorprenden ao semellarse máis a un decorado, minuciosamente trazado, que a unha sucesión de furnas, pasadizos e arcos, converténdose nunha das praias máis bonitas do mundo. A nosa experiencia nos di, que gran parte dos nosos viaxeiros están interesados en visitar estes dous monumentos, ao consideralos os máis representativos do noso país. Así, a través desta iniciativa acadaríamos o binomio perfecto entre patrimonio natural e cultural”. 

As inscricións xa poden realizarse en xornadas.ribadeocaminonorte.gal