Xove aprobou uns orzamentos por valor de 9,5 millóns de euros

O Concello de Xove xa ten aprobados os orzamentos para este ano, que son similares aos do ano pasado, ascendendo a un total de 9.503.000 euros. No capítulo de gastos, o Concello reserva 7.627.600 euros “para acadar o cumprimento da regra de gasto na liquidación do exercicio, que actúa como freno á vontade de realizar un meirande nivel de gasto non financieiro”, indica o alcalde, Demetrio Salgueiro.

Dentro destes orzamentos destaca o capítulo de investimentos reais, para obras no Concello, aos que se destinan 935.600 euros, inferior ao de 2018 en 60.918 euros.  A estes investimentos haberá que sumar aínda as aportacións da Xunta de Galicia para a obra de restauración da Fonte da Puxiga en Aldea de Arriba, a través do reparto do Fonde de Compensación Ambiental; así coo a aportación da Deputación de Lugo a través do Plan Único para a obra da acondicionamento da estrada Villapol-Portocelo.

O alcalde destacou nos orzamentos deste ano “a ampla colaboración social que fai o Concello” con máis de 200.00 euros para repartir en asociacións, cultura e deportes. Preto de 100.000 euros son destinadas a axudas para o Plan de emprego, o que supuxo que se empregaran máis de 70 persoas con subvención a empresas de todo tipo.

Tamén aportarán a Educación preto de 60.000 euros para bolsas de estudo ou 5.000 euros para axudas de emerxencia social. Como explica Salgueiro, “o que diferencia ao Concello dos demais é o apoio aos servizos sociais, practicamente subvencionamos todas as actividades nas que se fai partícipe aos veciños”.

“O orzamento baixou un pouco respecto ao ano pasado, pero aínda non moito derivado da situación de Alcoa e da intensidade eléctrica e o apagado de 32 cubas que xa afecta en 200.000 euros ao orzamento do Concello”, explicou o alcalde que tamén engadiu que “non quero nin pensar o que pasaría se pecha definitivamente a planta”.

Segundo aclarou o alcalde, o 70% dos ingresos depende da actividade de Alcoa e “por iso temos que loitar pola supervivencia da fábrica, dos veciños e dos traballadores. E do propio Concello”.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: