Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O XXIX Mercado Medieval de Mondoñedo busca cartel anunciador

Por 8 Marzo, 2020Sin comentarios

O Concello de Mondoñedo, a través da Concellería de Cultura, convoca un concurso de carteis co obxectivo de anunciar e promocionar o XXIX Mercado Medieval de Mondoñedo, que se celebrará do 7 ao 9 de agosto de 2020.

O concurso está aberto a todos as persoas físicas que desexen participar agás aquelas vencelladas de forma directa co Concello de Mondoñedo e familiares de 1º e 2º grao ascendentes e descendentes das persoas que integren o xurado así como as súas respectivas parellas.

As propostas de cartel poderán ser unha ou varias fotografías, un ou varios debuxos, un ou varios gravados, etc. para crear a composición que a persoa considere máis axeitada para representar o Mercado Medieval de Mondoñedo.

Os orixinais poderanse presentar en soporte físico ou en soporte dixital. En todo caso terán que posuír unha resolución mínima en caso de soporte dixital ou tamaño mínimo en caso de presentación física.

O tamaño final do cartel será 69x34cm en posición vertical co que o deseño terá que adaptarse a estas proporcións.

No deseño deberase incluír, ao menos, como texto anunciador na zona e proporción que a persoa participante considere axeitada: “XXIX Mercado Medieval”, “Mondoñedo”, “7, 8 e 9 de Agosto”, “Declarada de interese turístico galego” e deberase contar cun espazo para colocar os logotipos da organización e dos patrocinadores.

As obras presentadas en soporte físico deberán ter, ao menos, o tamaño dun A4 coa proporción rectangular semellante á arriba indicada, para que, á hora de proceder á súa dixitalización, teña a o tamaño mínimo preciso. 

Só se admitirán orixinais en soporte físico que non podan ser presentados en dixital, tales como debuxos, pinturas, gravados, etc. feito á man sobre un soporte físico. Non se admitirán neste formato carteis feitos a ordenador e impresos.

Os orixinais presentaranse en soporte dixital no e-mail mercado.medieval.mondonedo@gmail.com e deberase indicar no asunto “Concurso Cartel Mercado Medieval 2020”.

A presentación do cartel en soporte físico farase na Oficina de Turismo de Mondoñedo en horario de apertura ou enviarase por correo ordinario á mesma (Oficina de Turismo de Mondoñedo, Praza da Catedral, 34 – 27740 Mondoñedo (Lugo) indicando: Concurso Cartel Mercado Medieval 2020).

O prazo de presentación de orixinais comeza coa publicación destas bases na web e nas redes sociais do Concello de Mondoñedo e remata o día 31 de marzo do 2020, incluído este día.

O deseño gañador será publicado no formato e tamaño que o Concello estime oportuno ademais de ser o cartel para o ano 2020 que servirá de promoción do Mercado Medieval de Mondoñedo.

Na súa publicación, indicarase a autoría do mesmo no tamaño e posición que se considere axeitada a tal fin por parte do Concello.

Establécese un único premio consistente nunha fin de semana no Albergue da Natureza de Vilar para 4 persoas (en datas a concretar entre a persoa gañadora e o Concello). Un lote de libros relacionados con Mondoñedo, un lote de produtos do CMAC e catro invitacións para a Cova do Rei Cintolo a executar no presente ano 2020.