Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Os socialistas denuncian que a Edar de Burela segue paralizada

Por 9 Marzo, 2020Sin comentarios

A Secretaria Provincial Socialista e candidata as eleccións autonómicas pola provincia de Lugo, Patricia Otero dixo que “Feijóo falla aos lucenses e ás veciñas e veciños de Burela, tralo anuncio realizado por Augas de Galicia sobre a redacción do proxecto do saneamento de Burela”. Nesa liña lembrou que rexistrou iniciativas no Parlamento de Galicia “para esixir ao Goberno de Feijóo que adxudicara  as obras da EDAR de Burela antes de xuño de 2020, garantindo a aplicación dos fondos europeos e evitando a súa perda”, espetou.

“Tras coñecer o anuncio do PP de Feijóo podemos constatar que este proxecto nos últimos anos non avanzou absolutamente nada, segue paralizada, agora faise un simple anuncio nos medios de comunicación previa campaña electoral. E o que é máis grave, cando Augas de Galicia recoñece que existe un problema grave co saneamento das augas no Concello de Burela”, insistiu.

A secretaria provincial dixo que “unha vez máis o Goberno do PP está tomando o pelo ás veciñas e veciños de Burela coa construción desta infraestrutura primordial para todo o Concello”. Lembrou que a “Directora de Augas de Galicia explicou na súa comparecencia na Comisión de Orzamentos da Xunta para o 2020, que para este proxecto hai orzamentado 250.001 euros, nunha obra que se prevé que rolde os 6.000.000 de euros”.

Nesa liña Otero advertiu que nos orzamentos da Xunta do 2019 había orzamentados para este mesmo proxecto da Mellora redes de saneamento e nova EDAR de Burela un investimento de 776.087 euros, dos cales non se executou nin un só euro. E nas contas autonómicas do ano 2020 podemos comprobar que esta cifra descende ata os 250.000 euros que hai actualmente asignados.

Augas de Galicia na Mariña

Ademais tamén aludiu a outros proxectos pendentes e esquecidos polo PP na Mariña. “Outro caso similar sucede en Foz cunha cantidade irrisoria de 500.000 euros para a EDAR, e tamén aparece reflectida a dragaxe de Viveiro -Celeiro na partida de Portos de Galicia, unha infraestrutura que se leva reclamando dende fai mais de 10 anos. Un caso similar ocorre no Concello de Barreiros coa EDAR de San Miguel xa que é longo no tempo, e segue sen ter solución, e sen ningún investimento da Xunta de Feijóo que sempre actúa mirando cara outro lado”.

“Por todo isto o 5 de abril temos que dar unha volta a esta situación de marxinación na Mariña Lucense, e apostar por un Goberno progresista que remate con esta situación de abandono. Un goberno do PSdeG-PSOE na Xunta, presidido por Gonzalo Caballero será a única garantía para a realización de todos estes proxectos”, resumiu.