Skip to main content
AMARIÑAXA

Con sentido ou sen el

Por 10 Marzo, 2020Sin comentarios

Por Noelia Castro Yáñez

Apélanos o escritor Xosé Carlos Caneiro no seu artigo “No habéis entendido nada” a uns lectores con pouca comprensión lectora e demasiado espíritu crítico. Inxustificado e na meirande parte das ocasións, gratuito. Fala en primeira persoa, por recibir leccións de galeguismo despois de ter mais de corenta libros en Galego publicados. E coma el, podemos visualizar incontables, que non infinitos, comportamentos xulgados desde o exterior. A rapaza á que lle din como debe vestir, ao pai que lle explican como criar un fillo, ao albanel que aleccionan sobre como amasalo cemento…

E coma el, eu tamén penso que se trata dun problema. Porque nos cremos con dereito a meternos onde ninguén nos chamou, diría Belenciña. Porque non entendo esa superioridade ética, esas leccións de moralidade, e o erro reside en soster a verdade propia como absoluta. Lembremos que o ignorante afirma namentres que o sabio dubida e reflexiona. Porque non hai nada mais tonto que o orgullo, canta un artista asturiano “No sabes nada de mi vida pero opinas, no te preocupes por mí que yo estaré bien. Mejor dedícate a entender por qué terminas siempre en los brazos del que no te trata bien. Es posible que yo sea un tonto, pero tú también”

A carta magna é a lexislación, con carácter necesario e suficiente como teorema de equivalencia, e todos os preceptos constitucionais que dela se deriven. Non a estupidez que roda mais cao balón nalgún partido de primeira rexional. Esa non serve mais ca para botar ao lixo.

Seica non hai nada mais atrevido ca ignorancia, pero malia iso, non exime da culpa, nin do incumprimento de leis e obrigas. Quedo parva con comentarios en redes sociais, todo admite crítica. Ninguén queda impune, ata se cuestiona o idioma en que certas blogueiras deciden crear o seu contido. Os pantalóns que leva, e a chaqueta tan gorda que escolleu para ese día tan soleado. Penso que se lle critican ata complementos que non se ven na foto. E non poden quedar impunes segundo que comportamentos. Porque nos sentimos con non sei que autoridade para cuestionar a persoas das que descoñecemos por completo as batallas internas que está a lidiar.

Recordo fai anos unha clase de Lingua Galega no instituto, tiñamos as ventás abertas porque ía calor na aula, deduzo que se trataría de finais de curso, porque naquel instituto de ribeira salgada, non era común o de abrir as fiestras. Non se paraba nas clases seguintes a Educación Física, xa me entenderedes con trinta rapaces en plena efervescencia hormonal despois dunha hora de actividade física. O caso é que se escoitaban de fondo as obras que levaban a cabo uns operarios que non destacaban pola discreción no traballo. O mestre de Galego, moi serio, procedeu a dar as notas do exame que se levara a cabo días atrás. Penso que a mais baixa fora, naquela ocasión e inusualmente, a miña cun nove alto. Evidentemente alí pasara algo, e o profesor, que por aquel entón non sabía que lle roubaran o exame días antes dixo unha desas sentenzas lapidarias que gardas para sempre no recordo: “Vólvense os paxaros ás escopetas”. E os albaneis calaron. Aquela maneira de poñer no seu sitio aos autores da trasnada fascinoume. E era moi certo, créronse impunes e levaron un golpe de realidade cando anulou a proba.

Penso que a nosa opinión única e exclusivamente é ben recibida cando nola piden. Ou vemos que é moi precisa. Pero para dar unha lección de calquera materia hai que ser un experto, e ter a alma moi limpa. Porque ese supremacismo ético que os galegos debemos escoitar cando nos din a quen votar para seica non sermos ignorantes, non vén a nada. Nin a nai desesperada porque o fillo non engorda precisa escoitar que se non come é porque ela non fai as cousas ben. E tampouco precisamos xuízos sobre o físico nestas alturas nas que coido que todos temos espellos na casa. Se rompemos o silencio, que sexa para dicirnos cousas bonitas, para o reforzo positivo, para a empatía. E as verdades que doian, cando nolas pidan. Non obstante: amigas, seguide a dicirme o mal que me quedan os pantalóns “slouchy” ata que deixe de poñelos, porque ata eu vexo o mal que me quedan.