Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Concello de Ribadeo instou a Adif a realizar a limpeza dos residuos nun terreo

Por 11 Marzo, 2020Sin comentarios

O concelleiro de Medio Ambiente de Ribadeo, Jorge Díaz, asegura que o Concello instou a Adif a realizar a inmediata e oportuna xestión dos residuos que apareceron nun terreo da súa propiedade a carón da estación de Feve, en Vilaosende, hai meses. O edil dixo que cando se coñeceu a súa existencia a Policía Local elaborou o correspondente informe sobre os vertidos alí localizados e púxoo en coñecemento de Adif. Deste xeito responde ás críticas realizadas nas últimas horas desde o PP. 

Díaz Freije lembrou que “hai xa uns meses un responsable de ADIF veuse interesar por ese vertido porque está nos seus terreos e desde o Concello de Ribadeo mandamos á Policía Local para que fixese o pertinente informe, por se era capaz de coñecer quen fora o responsable deses residuos aí tirados de mala maneira, pero non apareceu o responsable”.

O concelleiro nacionalista explicou que “son terreos privados, neste caso de FEVE, e teñen que tomar as pertinentes medidas para retirar todos eses residuos, levalos a un xestor de residuos autorizado. E despois se queren poden adoptar outras medidas como facer un peche ou un valado ou ben poñer vixilancia; iso xa é da súa responsabilidade”.

O edil de Medio Ambiente engadiu que “por parte do Concello se chegado o momento hai que abrir un expediente sancionador ou actuar doutra maneira farase, como noutros casos. E quero dicirlle á portavoz do PP neste caso que está ben interesarse, pero nós xa levamos tempo traballando nisto”.