Agacal e Apaga de Ribadeo programan unha xornada para empresas forestais da comarca

Apaga programa unha nova acción formativa, que terá lugar este sábado, 14 de marzo, ás seis da tarde no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias, de Ribadeo. Está organizada por Agacal, coa colaboración de Apaga. A xornada está destinada ás empresas forestais da comarca e na mesma abordarase a implantación do ciclo de técnico en aproveitamento e conservación do medio natural así como outras accións de formación continua dentro da familia profesional agraria.

O presidente de Apaga, Álvaro Doural, explicou que “é unha xornada convocada por Agacal, que é un departamento de Medio Rural dedicado ao tema de formación principalmente. Pretende a reunión xuntar a todas as empresas do sector forestal da zona coa idea de implantar toda unha serie de ensinanzas, desde un ciclo medio de forestais a outro tipo de actividades de formación continua para o sector”.

Doural cre que “é unha xuntanza moi importante para o sector, dado que penso que se pretende dar un impulso desde o Centro Pedro Murias a todo o que é a formación e o apoio a estas empresas. É a primeira toma de contacto para ver verdadeiramente as necesidades que ten o sector e que as distintas empresas aporten as súas necesidades a nivel de formación. Estase facendo unha convocatoria ás empresas da zona, da provincia de Lugo principalmente. A reunión vai ser o sábado, ás seis da tarde”.

Esta acción está destinada ás persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, industria agroalimentaria e a cadea forestal-madeira, ou con expectativa de incorporación, en especial mozas e mozos do medio rural galego.

Desde a organización recomendan comunicar a asistencia vía whatsapp no seguinte número de teléfono 639 988 945.

Etiquetas