Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Viveiro promociona o Camiño de Mar e quere oficializar a ruta

Por 13 Marzo, 2020Sin comentarios

O Concello de Viveiro continuará cos traballos de promoción do Camiño do Mar e esixe á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, organismo competente, que axilice os trámites para oficializar a ruta.

De feito, a dinamización e promoción do Camiño do Mar, así como a súa oficialización, é un dos obxectivos nos que o concello traballa nos últimos anos. A concelleira de Turismo, Marisol Rey, reuniuse en diversas ocasións co anterior xerente do Xacobeo co fin de impulsar esta ruta sobre a que o Parlamento de Galicia pronunciouse en 2010, cando se acordou o inicio da súa oficialización.

Como nesas xuntanzas non se produciu ningún avance, en novembro do ano pasado, aproveitando o nomeamento de Isaias Calvo de la Uz como novo xerente do Xacobeo, solicitouse unha nova reunión para poder tratar este asunto.

O pasado 10 de xaneiro, o xerente do Xacobeo remitiu un correo electrónico a este concello explicando que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural é o departamento da Xunta de Galicia encargado de desenvolver os trámites e xestións encamiñados á oficializar os Camiños de Santiago en Galicia, previo estudo histórico.

Consecuentemente, solicitouse unha reunión coa directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, para coñecer o estado no que se atopa a tramitación do expediente para oficializar o Camiño do Mar.

“Mentres agardamos por esta xuntanza, na que esperamos coñecer as xestións realizadas pola Xunta de Galicia ao respecto, tendo en conta que é a administración encargada de desenvolver os xestións encamiñadas a oficializar como ruta xacobea o coñecido como Camiño do Mar, dende o Concello continuaremos realizando accións promocionais desta ruta”, afirma a alcaldesa, María Loureiro.

Neste sentido, cómpre lembrar que Viveiro é un dos concellos que vén colaborando anualmente coa ‘Travesía Navega el Camino’, que celebrou a súa primeira edición en 2016 e que serve, precisamente, para fomentar a ruta xacobea por mar coa organización dunha peregrinación que, partindo de La Rochelle (Francia), chega a Compostela.

Trátase dunha iniciativa que dende o primeiro momento contou con gra aceptación e que cada vez ten máis repercusión mediática, sendo, así mesmo, unha acción fundamental para impulsar a oficialización do Camiño do Mar, que tería unha repercusión económica, cultural e turística importante para Viveiro e os demais concellos polos que discorre.