Concello, cofrarías e bispado suspenden a Semana Santa de Viveiro

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, o presidente da Xunta de Confrarías de Viveiro, Xosé Veiga Golpe, e o bispado de Mondoñedo-Ferrol anunciaron que pola situación derivida do coronavirus se suspenden todos os actos da Semana Santa de Viveiro 2020.

Trátase dunha decisión necesaria polo ben de todos, seguindo desta maneira as recomendacions das autoridades sanitarias.

Ante a crise sanitaria que se está a padecer e a declaración do estado de alarma por parte do Goberno da nación, e co obxecto de colaborar na maior medida posible na loita contra a expansión do coronavirus, o bispado, en coordinación coas diferentes xuntas de confrarías do territorio diocesano como tamén con diferentes corporacións municipais e, por suposto, coas autoridades sanitarias, procede a comunicar a suspensión das procesións, viacrucis e outros actos externos durante a próxima Semana Santa.

“Todos somos conscientes do impacto non só relixioso, senón tamén social e económico que esta suspensión supón para a nosa diocese, onde contamos con dúas celebracións da Semana Santa con recoñecemento internacional, como son as de Ferrol e Viveiro, e tamén moitas outras con tradición e seguimento, como as de Mondoñedo, Ortigueira, Ribadeo, Burela, Vilalba, Foz-San Martiño ou Alfoz-Valadouro”, din dende o bispado.

Trátase, desde logo, dunha medida preventiva pero ante “a que todos estamos unidos neste delicado momento, cun espírito cívico e unha xenerosidade que é xusto recoñecer e agradecer. Coincidimos, ademais, na necesidade de contribuír ao ben común, que é o que nos move a levar adiante esta decisión, a cal adoptamos con responsabilidade e esperanza”, conclúen.

Etiquetas