Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

As queimas nos terreos rústicos están suspendidas ata novo aviso

Por 17 Marzo, 2020Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural lembra que a realización de queimas nos terreos rústicos está suspendida ata novo aviso, de acordo coa resolución publicada onte pola Xunta no Diario Oficial de Galicia sobre a situación de emerxencia sanitaria como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Así, no punto décimo quinto desta norma dise que se suspenden estas prácticas e tamén que quedan sen efecto as autorizacións e comunicacións de queimas xa notificadas ou efectuadas. Igualmente, suspéndese a solicitude de novas autorizacións, así como a posibilidade de realización de novas comunicacións para queimas nos terreos rústicos.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide a colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, tanto ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado como a través do teléfono anónimo de denuncias destas condutas, o 900 815 085. Insistimos en que, ata novo aviso, non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal.