Skip to main content
Actualidade

Reducen a atención ao público en todas as administracións e suspenden os prazos para as axudas

Por 17 Marzo, 2020Sin comentarios

Para evitar a propagación do virus por toda a poboación, as distintas administracións teñen reducido os seus horarios de atención ao público. As medidas vanse tomando pouco a pouco e en función das necesidades e demandas que se plantexan.

Así, todos os concellos teñen reducido ao mínimo a presenza nas oficiñas. Todas as consultas deben facerse por teléfono e de ter que ser presenciais haberá que pedir cita previamente no teléfono correspondente. Ademais, os concellos lembran aos seus veciños que están aí para axudar nestes momentos de necesidade, especialmente para aquelas persoas maiores que vivan soas.

Recoméndase polo tanto que se alguén sabe ou necesita axuda que se poña en contacto co concello xa que están establecendo un sistema de axuda e de envío de alimentos ás casas das persoas maiores, xa que son elas precisamente o maior factor de risco.

DEPUTACIÓN

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, asinou un decreto que supón a redución ao mínimo imprescindible da presencia de traballadores e traballadoras nas dependencias e servizos provinciais establecendo traballo non presencial, atención telefónica e quendas co fin de compatibilizar o mantemento das funcións básicas da institución provincial coa obriga de minimizar os riscos de contaxio. Deste xeito, todo o persoal cuxas funcións o permitan prestará servizo dende o seu domicilio e o persoal que ten funcións básicas para garantir o funcionamento da institución que deba desempeñalas de forma presencial farao por quendas.

Ademais, suspéndense e interrómpense todos os prazos de tramitación dos procedementos da Deputación. O seu cómputo renovarase no momento en que perda vixencia o Real Decreto ou, no seu caso, as prórrogas do mesmo.

Por outra banda, como xa informou onte a institución, queda suspendido o Pleno extraordinario que estaba previsto para o vindeiro venres, día 20, así como todas as sesión periódicas ou ordinarias dos órganos colexiados provinciais, isto é, Xunta de Goberno, Pleno da Corporación e comisións informativas, durante a vixencia do Estado de Alarma ou, de ser o caso, das prórrogas do mesmo.

SEGURIDADE SOCIAL

Outros organismos permacen tamén pechados. É o caso por exemplo do caso do Ministerio de Seguridade Social e a Tesorería Xeral, que dende o luns pecharon as súas portas ao público.

Os cidadáns teñen a posibilidade de realizar os trámites urxentes que non podan pospoñerse a través dos instrumentos telématicos ou chamando aos teléfonos 901 166 565 (INSS) ou 901 502 050 (TGSS). Malia non abrir ao público, os centros estarán operativos cos servizos indispensables.

XUNTA

Tamén, as oficinas de rexistro e información da Xunta permanecerán pechadas, mentres dure a actual situación. A atención cidadá canalizarase a través do teléfono habitual de información da Xunta, o 012,  e a presentación de documentos poderá realizarse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) as 24 horas do día.

No obstante tamén é importante subliñar que, de conformidade co previsto na lexislación autonómica e estatal vixente nesta situación de excepcionalidade, quedan interrompidos os prazos para os distintos trámites administrativos, isto é, prazo de solicitude de axudas, xustificacións, solicitudes, procesos selectivos, etc.

Como norma xeral o traballo dos funcionarios farase por medios telemáticos (teletraballo) sen necesidade de acudir ás instalacións, salvo para determinado persoal (xefes territoriais das distintas consellerías e algúns xefes de servizo) e outros funcionarios que se considera realizan funcións esenciais. Son funcións esenciais: persoal directivo, seguridade, mantemento de edificios, comunicacións e outros servizos de tecnoloxías da información, pago a provedores, habilitacións, garda forestal e ambiental, centros de recuperación da fauna e os que diten os órganos directivos

Os funcionarios de todas esta administracións teñen que acudir aos edificios administrativos seguindo distintas quendas e consellos para minimizar o risco de contaxio. Ademais todos os empregados permanecerán localizables por si é preciso contactar con eles por necesidades de servizo. Estas normas non afectan aos traballadores sanitarios que están a máximo rendemento atendendo e prestando apoio ante a situación de pandemia.