Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Acisa Ribadeo eximirá aos seus asociados da cota do vindeiro mes

Por 21 Marzo, 2020Sin comentarios

Acisa Ribadeo eximirá ás súas asociadas e asociados da cota do próximo mes de abril. Así o acordaron directiva e xerencia este mediodía.

Jesús Pérez, xerente da asociación, considera que “dadas as circunstancias é o mínimo que podemos facer pola nosa banda. A cota que se deixa de emitir é a correspondente ao próximo mes de abril e non descartamos que poida ser cancelada a de maio. Todo dependerá da evolución da situación pola que comercio, hostalería e servizos están a atravesar. Ademais, traballamos desde hai días para acelerar os pagos de vales de compra ou facturas que estean pendentes pola nosa banda”.

Esta medida por parte da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo únese ao peche da súa oficina, que só atende telefonicamente ou vía mail e á suspensión de todas as actividades previstas programadas.

Tamén desde a xerencia indican que “a nosa actividade segue en redes sociais. Estamos a facer fincapé nas publicacións relativas a esta crise sanitaria, estamos a informar dos servizos especiais que prestan os nosos asociados, así como das axudas que se publican ou das indicacións das autoridades sanitarias. A actividade é frenética, porque é moita a información que se recibe a diario e ademais é moi cambiante”.

Pola súa banda, Francisco Iriarte, explica que “acordamos que a xerencia informe pormenorizadamente os socios e socias vía mail de todas as axudas que valan saíndo publicadas por parte das diferentes administracións. En canto sexa posible reunirémonos co concello de Ribadeo para analizar a situación que esta alerta xerou na localidade no tocante ao comercio e a hostalería e como podemos afrontalo de forma conxunta. Estamos a elaborar un documento de propostas ao Concello que cremos que poderían levar a cabo para minimizar ou paliar o impacto desta crise, que está a afectar de forma directa aos nosos sectores económicos máis importantes”.

Iriarte Quintana refírese tamén ás axudas anunciadas polas administracións: “ata o momento consideramos que son insuficientes, e que non están pensadas para os problemas que autónomos, comerciantes, servizos e hostaleiros imos ter a partir de agora. Eran necesarias moitas máis medidas para a protección dos autónomos e dos seus empregados, como a inmediata anulación das cotas e cotizacións, dos que agora mesmo paralizaron a súa actividade. Así como normas respecto a os pagos de alugueres, facturas, etc. Ao final os autónomos sempre somos os máis prexudicados e esquecidos”.

Desde Acisa fan un chamamento especial aos arrendadores de locais en Ribadeo: “son unha altísima porcentaxe de negocios os que en Ribadeo están situados nun local alugado, desde Acisa facemos un chamamento a eses propietarios para que poñan un granito de area do seu parte e flexibilicen as condicións do pago do aluguer. É mellor cobrar un pouco máis tarde o aluguer ou non cobralo un mes a que teñamos unha onda de peches, xa que iso provocará que deixen de cobrar ese aluguer durante moitos meses ou anos. A crise do coronavirus vai ser moi importante. Se nos axudamos entre todos poderemos saír antes desta desgraciada situación”.