A USC comeza a produción de xel desinfectante para o Sergas

A USC comeza esta semana a produción de xel desinfectante en base a etanol ou alcohol isopropílico, a fin de tratar de garantir así o abastecemento deste subministro ao Sergas. A institución docente dá conta así do encargo da Administración autonómica para fabricar 9.000 litros desta solución hidroalcohólica, un lote que será distribuído nos centros sanitarios que o precisen en 18.000 envases de medio litro de capacidade cada un, segundo informou o reitor Antonio López.

Este xel desinfectante tense convertido nun material imprescindible na denodada loita emprendida para frear a expansión do COVID-19 entre a sociedade e, nomeadamente, entre os profesionais sanitarios e demais profesionais que se atopan na primeira liña de batalla co coronavirus. A produción propia por parte da USC é posible grazas ao proceso de transformación e adaptación da planta piloto de que dispón o Departamento de Enxeñaría Química na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago.

O equipo científico que se ocupará nunha primeira fase da produción deste tipo de xeles desinfectantes estará integrado por PDI e PAS das Facultades de Química e de Farmacia. Trátase dun primeiro grupo de traballo ao que nas próximas datas se unirán máis persoal doutras disciplinas, a fin de poder establecer así quendas de traballo continuadas que axilicen a elaboración deste material de protección individual fronte ao virus.

O reitor da USC, Antonio López, salientou que a fabricación destas solucións desinfectantes por parte da USC encádrase no marco da “liña de máxima colaboración que mantén a USC coa Xunta e coas autoridades sanitarias desde o comezo dunha situación excepcional, como o é este estado de alarma”.

A suspensión da docencia presencial na USC e a conseguinte habilitación de ferramentas e servizos tecnolóxicos precisos para dar continuidade a este labor formativo e para habilitar canles de contacto entre o alumnado e o colectivo de docentes, foi unha das primeiras medidas adoptadas polo goberno da USC, subliñou o reitor Antonio López, ao que tampo que reiterou a “absoluta disposición da Universidade a prestar toda a axuda posible á sociedade”. 

Material de protección

Un exemplo máis desta cooperación da USC e a achega de diverso material de protección e desinfección dispoñible nos diversos laboratorios e servizos universitarios, tanto no Campus de Lugo como no de Compostela, comentou o reitor. Antonio López relatou neste senso que a USC está a achegar e poñendo a disposición do Sergas milleiros de  luvas de nitrilo, máscaras de protección individual, batas, placas e diverso material de bioloxía molecular para análise en PCR existentes nos laboratorios das facultades, escolas universitarias e demais centros e servizos de investigación da USC.

Alén da achega deste material apto para uso sanitario, que pode axudar a paliar as carencias xa advertidas de equipos de protección individual, os chamados EPIs, a USC tamén procedeu nesta última semana a reorganizar e a redistribuír as persoas usuarias do Servizo Universitario de Residencias (SUR) durante este período de confinamento.

Unha vez que se completou a hospedaxe en habitacións individuais da Residencia Burgo das Nacións de Compostela do estudantado que permanece facendo uso deste servizo, a USC está a ultimar a preparación das instalacións para poñelas a disposición do Sergas se, chegado caso, demandara facer uso delas para fins sanitarios ou hospitalarios.

Etiquetas