Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Concello de Viveiro suspende o período de pago de imposto de vehiculos

Por 24 Marzo, 2020Sin comentarios

O Concello de Viveiro suspende o periodo de pago voluntario do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica e establecerá un nuevo prazo cando remate a actual situación de crise sanitaria. A decisión foi consensuada entre todos os grupos políticos municipais.

Antes da declaración de situación de emerxencia sanitaria en Galicia e da declaración do estado de alarma en todo o territorio español, o Concello tiña acordada a aprobación do padrón do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica, establecendo o seu período de pago voluntario dende o 1 de abril ao 1 de xuño.

Tendo en conta que as medidas decretadas como consecuencia da evolución do coronavirus COVID 19 teñen un impacto económico e social importante, e precisan da adopción de medidas de flexibilidade para a protección familiar, social e empresarial, a alcaldía ven de decretar a suspensión do prazo antes referido.

O prazo para o pago deste imposto (IVTM) establecerase unha vez que remate a situación de crise sanitaria actual; nese momento o Concello establecerá un novo período tamén por un prazo de dous meses, procurando que non coincida co pago doutros impostos municipais.

Adoptouse esta medida co fin de axudar a todas aquelas familias ou empresas que poidan estar a sufrir as consecuencias económicas desta situación.

Así mesmo, quérese informar que dende o equipo de goberno xa se deron as indicacións oportunas a cada un dos departamentos municipais para que no momento da elaboración dos padróns dos servizos que implican o cobro de taxas, como pode ser a gardería, a piscina, o conservatorio ou o servizo de axuda no fogar nos supostos nos que se deixou de prestar de xeito presencial, etc, se teñan en conta os decretos de suspensión das distintas actividades aos efectos de liquidar nas mensualidades unicamente os importes correspondentes aos períodos non afectados pola suspensión.

Dende o Concello de Viveiro somos conscientes da grave situación que estamos a vivir e consecuentemente dende os últimos días vimos adoptando unha serie de medidas, dentro das nosas competencias, en aras por un lado a evitar a propagación do virus e o aumento de contaxios e por outro a intentar minimizar na medida do posible, coa flexibilización no cobro de impostos e taxas, as consecuencias económicas desta crise.