Xa hai gañadores do X Concurso de Fotografía Día do Pai de Ribadeo

Alba Pérez e Marcos Rodríguez son os gañadores do X Concurso de Fotografía Día do Pai, convocado por Acisa a través do facebook.

A foto de Alba Pérez Fernández, titulada Con papá al fin del mundo, conseguiu 521 votos e converteuse na gañadora, que recibirá 200 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados a Acisa Ribadeo.

E a foto de Marcos Rodríguez Rodríguez, chamada Música e vida??, foi a segunda clasificada no concurso realizado en facebook. En total obtivo 352 votos. Como agasallo recibirá tamén 100 euros para gastar nos establecementos asociados a Acisa.

Foron 19 as imaxes presentadas ao X Concurso de Fotografía Día do Pai, que rematou a pasada media noite. Acisa agradece a participación no certame e subliña que “a entrega dos premios realizarase cando as circunstancias así o permitan. A caducidade dos vales tamén se adaptará á nova situación”.

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo agarda que “cando todo isto pase os e as ribadenses lle dean todo o seu apoio ao comercio, á hostalería e ao sector servizos do municipio. Estamos atravesando por un momento moi complicado do que sairemos todos xuntos, seguro. Pero para que a normalidade se recupere imos precisar máis ca nunca do apoio do pobo de Ribadeo, ao que lle pedimos que nese momento merque no comercio da súa localidade, organice eventos nos seus restaurantes, tome os viños nos seus bares, traballe coas firmas locais… porque antes todas esas pequenas empresas estiveron a carón de moita xente colaborando en eventos deportivos, culturais e sociais. Isto é cousa de todos. De momento, por responsabilidade, toca quedar na casa”.

Desde Acisa fan unha chamada á súa clientela: “agora que non temos necesidade de comprar nada que non sexa esencial, non acudamos a grandes áreas on line, agardemos a que comercio local abra de novo as súas portas e axudémolo a superar este crítico momento”.

 

Etiquetas