Skip to main content
AMARIÑAXA

A Mancomunidade pon en marcha visitas virtuais en 3D e 360º

Por 26 Marzo, 2020Sin comentarios

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense ven de poñer en marcha estes días unha iniciativa para a promoción dos recursos turísticos deste xeodestino. A través de facebook, twiter e instagram poderanse realizar visitas virtuais en 3D e 360º a varios monumentos da comarca. A Mariña desde a casa así se denomina esta campaña ideada para poder visitar desde a casa, neste tempo de confinamento, a Basílica de San Martiño, o Castelo de Castrodouro, a Igrexa de San Francisco, a Fortaleza de Tovar ou a Catedral de Mondoñedo.

O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Fran Cajoto, dixo que “desde a Mancomunidade estamos evidentemente, como todos, en confinamento quedándonos na casa. Son momentos complicados. O que queremos é seguir promocionando a Mariña, seguir facendo todas as tarefas que viñamos facendo para, cando pase esta crise sanitaria que estamos a vivir, intentar impulsar o turismo e que a xente nos coñeza. Como xeodestino temos moitos recursos, somos unha comarca con moitas posibilidades e queremos que se nos vexa en todos os sitios”.

Cajoto explicou que “o que fixemos, creo que moi acertadamente, é xerar unhas visitas virtuais. Agora que non podemos saír, que temos que quedarnos mirando as pantallas do ordenador, lendo ou tranquilamente facendo as nosas tarefas do fogar, está esta posibilidade. A través das pantallas do noso móbil, da nosa tablet ou do noso ordenador, ir visitando distintos recunchos da nosa comarca, moi fermosos, e grandes monumentos que temos dixitalizados en 360º e cunha calidade de imaxe espectacular”.

O presidente da Mancomunidade indicou que “comezamos coa Basílica de San Martiño de Mondoñedo e posteriormente iremos colgando nas nosas redes sociais, no noso facebook, no noso instagram e tamén a través do twiter os links aos que podes acceder. Como dicía comezamos por San Martiño, a continuación colgaremos tamén unha visita virtual ao Castelo de Castrodouro, de Alfoz; á Igrexa de San Francisco, de Viveiro; ao Pazo de Tovar, en Lourenzá; e unha visita á Catedral de Mondoñedo”.

Fran Cajoro engadiu: “queremos que todo o mundo nos coñeza e que cando poidamos, que cada vez queda menos para poder saír das casas, nos veñan visitar, picar ese gusaniño das visitas virtuais e que ao final sexan visitas efectivas”.

Dende a Área de Turismo da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense lanzouse esta pasada fin de semana esta campaña de promoción turística do xeodestino baseada en visitas virtuais e de realidade aumentada realizadas coa tecnoloxía Matterport 3D. Estas visitas, en 3D e 360º, habitualmente pódense realizar na primeira oficina virtual de Galicia situada no CENIMA, en Foz, coñecida como A Mariña Virtual.

Con esta acción, a Mancomunidade brinda a posibilidade a todo o que o desexe de facer estas visitas, que se caracterizan por tratarse de experiencias totalmente inmersivas chegando a parecer que estás no propio lugar, pero neste caso dende a casa. Así, xa se deu a coñecer a visita á Basílica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, e nos seguintes días será a quenda para outros lugares de interese cultural coma o Castelo de Castrodouro, en Alfoz; a Igrexa de San Francisco, en Viveiro; a Fortaleza de Tovar, en Lourenzá; e a Catedral de Mondoñedo.

Esta acción de promoción está centrada en redes sociais e as persoas que así o desexen, poderán acceder a estas visitas virtuais, dende os perfís cos que conta a Mancomunidade para a promoción do xeodestino sen ningún tipo de dificultade.

Dende a Área de Turismo animan a todo o mundo a seguir os perfís en facebook, instagram e twitter cos que conta a Mancomunidade para a promoción turística, realizar estas visitas virtuais que, cunhas gafas compatibles coa ferramenta Matterport 3D, tamén se poderán facer en realidade aumentada e compartir as mesmas con todos os seus amigos e familiares.

As publicacións van acompañadas, ademais, de novas imaxes de gran calidade técnica e artística que forman parte do banco de imaxes para a promoción do xeodestino no que se estivo traballando neste último tempo. Outro dos obxectivos desta acción é manter na mente das persoas o xeodestino da Mariña Lucense e destacar a súa grande riqueza cultural para que, cando todo isto pase e a xente retome a confianza, se decidan pola Mariña Lucense para pasar as súas vacacións ou realizar unha escapada.

Enlaces Facebook, Instagram e Twitter:

https://www.facebook.com/amarinalucense.turismo

https://www.instagram.com/visitamarinalucense/

https://twitter.com/amarina_turismo