Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

O sector marisqueiro poderá acceder ás prestacións por cese de actividade ante o coronavirus

Por 26 Marzo, 2020Sin comentarios

A Consellería do Mar está a facer un seguimento constante da actividade no sector pesqueiro e marisqueiro galego desde que comezou a alerta sanitaria polo coronavirus, e a conseguinte declaración do estado de alarma por parte do Estado, co obxectivo de coñecer a súa evolución e defender os intereses dos profesionais do sector. Neste sentido, o departamento que dirixe Rosa Quintana está a poñer a disposición do sector distintas ferramentas para que poida beneficiarse de medidas como a prestación extraordinaria por cese de actividade que prevé o real decreto-lei de medidas urxentes para afrontar ao impacto económico do COVID-19.

Entre esas ferramentas atópase un informe elaborado polo Executivo galego que constata que a caída da facturación do marisqueo a pé e de recursos específicos en Galicia é  de máis do 77% no que vai de mes -e tendo en conta que a paralización deixaría a cuantificación igual- en relación co semestre anterior, unha porcentaxe superior ao 75% que establece o Estado para poder acceder a esas compensacións económicas. O documento, que xa está a disposición do sector, avala o cumprimento do requisito para acceder á prestación e mostra que a caída das vendas se debe a que os produtos do sector, de gran valor económico, apenas teñen saída como consecuencia de que está pechado o sector hostaleiro e non hai alternativas para a súa comercialización.

A Consellería do Mar xa remitiu este informe a varias entidades do sector que lle solicitaban o peche xeral da actividade marisqueira en Galicia ao tempo que aclara que o marisqueo, ao tratarse dunha actividade de subministro de alimento, non está entre as actividades suspendidas polas medidas establecidas pola Xunta e polo Goberno central ante a crise do coronavirus. Neste sentido, subliña, o Executivo autonómico non pode proceder ao peche da actividade de forma xeral pois trátase dunha competencia que se atribuíu o Estado ao emitir a declaración do estado de alarma, abocando esa capacidade ao Ministerio de Sanidade.

Non obstante, a Administración galega lembra que a normativa autonómica permite que cada confraría poida solicitar o peche ou adiamento da actividade extractiva no marco do seu plan de xestión -nos bancos nos que traballa-, polo que a Consellería do Mar pode proceder -e procederá, de ser o caso- a ditar as resolucións específicas pertinentes para cada confraría solicitante baixo os criterios e argumentos achegados. Unha vez completado este trámite, os afectados poderían solicitar a prestación polo cese de actividade como consecuencia desta situación e empregar o informe da Xunta para reforzar a súa petición.

Apoio ao sector

O estudo elaborado pola Consellería do Mar para apoiar ao sector na súa demanda desa prestación extraordinaria polo cese da actividade súmase ás recomendacións enviadas nos últimos días aos distintos segmentos de actividade para complementar as establecidas pola Xunta e polo Goberno central nas declaracións de alerta sanitaria e do estado de alarma.

No caso do marisqueo, incluíuse a posibilidade de que aquelas persoas que por motivos de saúde sexan máis vulnerables á enfermidade, ou que teñan menores ou maiores ao seu cargo, poidan quedar na casa durante a situación de estado de alarma sen que esa inactividade supoña unha penalización de cara á renovación do permiso de explotación.

En canto ás medidas de seguridade, a Consellería do Mar recomendou evitar as aglomeracións tanto nas zonas de traballo como nos puntos de control, manter unha distancia entre persoas de máis dun metro e evitar o contacto físico. A maiores, aconsellou aos profesionais do marisqueo usar xeles en todas as instalacións nas que se realice manipulación de produto así como incrementar, na medida do posible, a dispoñibilidade de zonas para lavar as mans. Tamén suxeriu reforzar as medidas de hixiene e desinfección nos espazos e vehículos de transporte do produto ata a lonxa ou punto de venda.

O Executivo galego remitiu medidas semellantes de reforzo da hixiene e de prevención a outros profesionais do sector como a frota pesqueira ou as lonxas ante a falta de concreción por parte do Estado sobre o xeito de actuar nestas actividades durante o estado de alarma.