Skip to main content
Actualidade

Feijoo anuncia novas medidas sanitarias e económicas

Por 27 Marzo, 2020Sin comentarios

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou na súa intervención na Deputación Permanente novas iniciativas que a Xunta porá en marcha para facer fronte á situación xerada pola pandemia do coronavirus. Así, nun primeiro termo, avanzou a publicación nos próximos días dunha nova orde para ampliar os contratos de 145 facultativos máis –médicos, farmacéuticos, psicólogos e radiofísicos-, ademais de 22 enfermeiros.

Este proceso sumarase á orde publicada onte mesmo no DOG e que permitirá ampliar desde o próximo 1 de abril os contratos de 160 médicos residentes e 31 enfermeiros especialistas residentes, que están no seu último ano de formación. “Así, entre os dous procesos estamos a falar dun total de 358 profesionais, que se suman aos máis de 39.000 que xa ten a plantilla do Servizo Galego de Saúde”, explicou.

“Nunca antes houbera máis profesionais no Sergas e agora aínda haberá máis”, dixo, precisando que con esta incorporación o investimento en persoal anual é de 22,3 millóns de euros.

Ademais do reforzo do persoal, Feijóo anunciou tamén un reforzo en material e equipamento, con novas contratacións por importe de 7 millóns de euros, para abonar parte das xa feitas e para autorizar máis: máis mascarillas cirúrxicas, máis máscaras respiratorias, máis batas de alta protección, máis botellas de solución desinfectante “e todos os test que se poidan conseguir”.

O titular do Executivo autonómico reiterou que o material sanitario é unha das grandes prioridades da Comunidade, que seguirá facendo a súa labor para adquirir todo os medios necesarios para protexer ao persoal, e incidiu en que o material que xa se ten encargado debería empezar a chegar a partir da fin de semana con maior abundancia.

Comprendendo a dificultade do Executivo central tamén para adquirir material sanitario, Feijóo pediu ao Goberno que, ao igual que a Xunta, siga facendo todo o posible por subministralo canto antes e, sobre todo, test e aparatos de UCI.

TESOURERÍA

Ao longo da súa intervención, o presidente autonómico avanzou outro importante asunto vinculado a apoiar aos que máis o precisan nestes momentos. Ao respecto, referiuse á suspensión dos prazos para a presentación dos impostos de transmisións patrimoniais, de sucesións e os tributos do xogo, co obxectivo de dotar de liquidez a unhas 32.000 persoas e empresas na comunidade.

“Todas as autoliquidacións destes tres impostos non terán que ser presentadas ata o 30 de xuño de 2020, e mesmo serán prorrogadas se se alonga a finalización do estado de alarma ata un mes despois de que se levante esta situación excepcional”, precisou.

Así mesmo, e no ámbito da Facenda Pública, destacou a iniciativa de activar un plan específico para dotar de liquidez á tesourería da Comunidade, co fin de compensar o descenso da recadación motivado pola suspensión dos prazos, e axilizar os pagamentos de facturas a todos os provedores que traballan coa Administración galega, aliviando os efectos negativos que esta crise lles está a producir. Cómpre salientar que a Xunta é a principal entidade pagadora de Galicia e, no que vai de ano, abonou case 200.000 facturas por máis de 941 millóns de euros.

Nesta mesma liña de contribuír a paliar as consecuencias da pandemia na economía da Comunidade, Feijóo resaltou que tamén se continuará incidindo nas medidas económicas que xa se anunciaron a semana pasada. “E faremos fincapé nun colectivo que nos preocupa especialmente e que debe ser clave para a recuperación, como o son os autónomos”, remarcou.

MEDIDAS

O responsable do Goberno galego lembrou que se algo caracterizou á actuación de Galicia desde o primeiro momento, foi o intento de adiantarse e de tomar medidas -sempre dentro das súas competencias e no contexto da nación-, centradas na prevención e contención do virus. Deste xeito, cando o 14 de marzo entrou en vigor o estado de alarma decretado polo Goberno de España, a inmensa maioría das medidas que nel se recollen xa estaban vixentes na Comunidade.

Nesta liña, Feijóo recordou, a modo de exemplo, algunhas das iniciativas postas en marcha polo Executivo galego no ámbito da contención, para tentar reducir os contaxios; no eido da dotación de medios, para estar mellor preparados para afrontar a pandemia; e en materia económica, para tentar reducir o impacto na economía e no emprego, e para que a recuperación poida producirse o antes posible e chegue a todos, especialmente aos que máis o necesitan.

O titular da Xunta subliñou que Galicia foi tamén unha das comunidades que defendeu con maior intensidade a necesidade de continuar cos PCR e poñer en marcha un sistema de probas rápidas desde os vehículos con cita previa, que estendeu de inmediato a todas as áreas sanitarias. “Para poder mantelo foi fundamental a adquisición de kits de diagnóstico, que seguimos a intentar comprar nestes momentos, cada vez con maior dificultade, dada a situación de demanda no mercado mundial”, matizou.

Nese obxectivo de adiantarse, lembrou tamén a aprobación antes da declaración do estado de alarma dun expediente urxente para a compra de diferentes subministros para a rede hospitalaria por importe de preto de 2 millóns de euros, aos que se sumaron a pasada semana, tras unha nova contratación por emerxencia, 1,2 millóns de euros. “E seguimos a xestionar a adquisición de máis material”, reiterou.

Feijóo recordou tamén o reforzo do persoal nos ámbitos das Urxencias hospitalarias, Medicina interna e Unidades de críticos e a creación dos equipos hospitalarios de Atención Domiciliaria. Así, os equipos de atención domiciliaria pasaron de 8 a 29, aos que se suman os 30 que están realizando as probas do COVID-19.

“E esta mesma semana actualizamos e ampliamos unha serie de protocolos clínicos para o persoal sanitario e asistencial”, afirmou, destacando a previsión e disposición do número total de camas que se destinarían en todas as áreas para atender a pacientes con coronavirus, e que se achegarían ás 4.000.

No eido das residencias de maiores e dos centros de discapacidade con internamento, o presidente do Goberno galego referiuse á posta en marcha esta mesma semana do Plan de residencias, a través do cal, e entre outras medidas, habilítanse dúas residencias integradas para a atención das persoas maiores usuarias deste servizo, que dean positivo por coronavirus e presenten unha situación de risco nos seus centros. Así mesmo, todas as residencias privadas pasan a ser tuteladas baixo seguimento sanitario.

O presidente da Xunta concluíu trasladando o pesar aos familiares e amigos que perderon aos seus seres queridos; así como o ánimo a todas as persoas que están a sufrir esta enfermidade nos hospitais e nas súas casas.

Nesta liña, aproveitou a súa intervención para expresar o orgullo pola resposta de toda a sociedade galega e polo traballo que están a desenvolver, entre outros: o persoal sanitario, o persoal de residencias e servizos sociais, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, o Exército, os traballadores dos servizos esenciais e os profesores, “que seguen botando unha man desde os seus domicilios”. E quixo tamén achegar unhas palabras de tranquilidade e agarimo aos maiores: “Non estades nin estaredes sós. Tedes a todo un país con vós”, sentenciou.

Así mesmo, e no tocante aos partidos políticos, expresou o convencemento de que o mesmo entendemento que fixo posible acadar unha solución para suspender a cita electoral do 5 de abril, continuará e prevalecerá por riba de calquera interese partidista ou electoral. “Aquí xa non pode haber candidaturas nin candidatos. Aquí xa non pode haber cores nin siglas. Aquí todos somos unha: Galicia”, subliñou.

“Estamos ante unha situación extraordinaria, que require dunha resposta extraordinaria”, abundou, asegurando que o Goberno galego seguirá informando con transparencia, da evolución da situación a todos os galegos, e centrado en “ver o que todos podemos facer xuntos”.