Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O PP de Burela pide medidas para axudar ao tecido económico e social

Por 27 Marzo, 2020Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular burelés, a través do seu portavoz, Manuel Rouco, segue a demandar do alcalde e do goberno local a adopción de medidas para axudar ao tecido económico e social burelés. Rouco reiterou as peticións do PP na última reunión do comité de seguimento da crise do Covid-19 formada no Concello burelés.

Manuel Rouco asegura que “o PP apoia as iniciativas, dentro da legalidade e da normativa vixentes, que emprenda o goberno local para tentar paliar os efectos desta crise sanitaria, nos ámbitos de saúde pública, de apoio social aos máis desprotexidos, e de adopción de medidas económicas para tentar axudar aos autónomos e Pemes afectados, que xa son uns cuantos”.

Así, destaca o portavoz do PP que “o alcalde e o goberno local poden contar con nós, e para iso facemos propostas. Vemos ben que o concello escoitase a nosa petición, formulada hai xa máis de dez días, de desinfección de zonas críticas da nosa vila, e se se fai en todas as rúas, mellor. Tamén apoiamos a axuda aos dependentes, algo que tamén demandamos a principios da semana pasada. Agora ben, que non nos pidan que asistamos ás reunións do comité de seguimento para limitarnos a escoitar e ver como pasa o tempo”.

O portavoz popular manifesta que “a única demanda de carácter económico que vai aplicar o alcalde, tal e como nos transmitiu na última reunión,  é a de non cobrar polas terrazas dos locais de hostalaría. Pero a relativa a que os autónomos e PEMES non abonen a parte proporcional do IBI dos seus locais mentres estean pechados ou con ERTEs non a contempla, e en todo caso fala de aplicala en 2021, o que nos parece absurdo, dado que algúns, por desgraza, pode que non volvan a abrir. O mesmo lle sucede á medida presentada polo Grupo Popular relativa á recollida do lixo e subministro de auga e botamos en falta algunha outra medida, coma o de non cobrar polos vados de acceso a negocios.” Todo elo en consonancia co que xa se empeza a solicitar dende outras asociacións da vila burelá, tal e como se puido ver estes días nos medios de comunicación.

“A día de hoxe”, afirma Rouco, “o Concello non ten ningunha relación realista de negocios e traballadores afectados, o que non nos parece de recibo, xa que isto debería ser o primeiro paso para programar axudas dende a entidade local”.

Manuel Rouco considera que “aprazar o incremento do Fondo de Continxencia para axudas de emerxencia social, como pensa facer Llan o, non ten ningunha lóxica. Nós demandamos xa a semana pasada que este fondo se incremente xa, dado que agora só ten unha dotación de 17.500 euros”, afirma.

Ningunha vontade

Rouco salienta, ademais, que non percibe no alcalde e no seu equipo de goberno ningunha vontade de dar pasos para mobilizar a economía municipal. “O alcalde, na reunión do pasado mércores, mesmo insinuou que a adopción de medidas económicas de apoio poñen en risco os recursos do concello. Mentres, vemos como outros Concellos si toman medidas de apoio económico. Xa veremos que pasa se a economía local tarda en reactivarse”.

Finalmente, no Grupo Municipal Popular (GMP) están sumamente confusos coa actitude incoherente que manteñen tanto o alcalde Llano como o seu tenente de alcalde, Fernández Rey. “Por un lado critican, xa en dúas ocasións, a idoneidade das medidas presentadas polo GMP, e por outro lado, saen anunciando nos medios de comunicación esas mesmas medidas que previamente criticaron no comité de seguimento”, sentencia Rouco.

A Xunta,  única administración que deu material a Burela no que vai de crise

Por outra banda, dende o PP de Burela agradecen a implicación que está a ter a Xunta de Galicia na xestión desta crise, particularmente en Burela. De momento, foi a única administración que fixo entrega de EPIs, fundamentalmente, guantes, mascarillas e traxes, ao Concello de Burela. O resto de material recibido nas dependencias municipais trátase de doazóns de carácter privado.

En total, a entidade local recibiu do Goberno de Galicia nun primeiro envío  518 unidades de luvas, 92 mascarillas e 80 traxes de protección.