Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

A campaña ‘Vai de Peixe’ suspende provisionalmente o concurso ‘Vaidetáper’

Por 30 Marzo, 2020Sin comentarios

A campaña Vai de Peixe, de promoción do consumo de produtos do mar entre os millennials galegos, suspende provisionalmente o concurso Vaidetáper debido ao estado de alarma decretado polo coronavirus, que co actual contexto de confinamento impide o total desenvolvemento desta acción. A primeira fase do concurso, que prevía estar aberta ata o 2 abril, relanzarase unha vez remate esta situación e se as circunstancias o permiten. As participacións rexistradas ata o de agora incorporaranse como válidas.

Vaidetáper estaba desenvolvéndose no perfil de Instagram da campaña Vai de Peixe, ía dirixido ás mozas e mozos de entre 18 e 35 anos residentes en Galicia e tiña como obxectivo premiar os tres mellores pratos elaborados a base de peixe e marisco e deste xeito animalos a cociñar produtos do mar e amosar o sinxelo que é elaborar pratos saudables e de calidade en pouco tempo.

A acción consistía en que cada persoa participante nesta iniciativa subise a Instagram unha única fotografía co resultado final dunha receita axeitada para levar nun táper e na que polo menos un dos ingredientes principais fose un produto procedente da pesca ou da acuicultura. A imaxe do prato elaborado debía ir acompañada dunha breve descrición con información sobre o seu cociñado.

A campaña Vai de peixe na que se enmarca este concurso é unha iniciativa destinada a impulsar o consumo dos produtos do mar e da acuicultura de Galicia na franxa de idade entre os 18 e os 35 anos, a coñecida como xeración millennial. Mediante unha estratexia baseada na promoción dixital a través da web https://vaidepeixe.xunta.gal/ e redes sociais (Instagram, canle de Youtube e Facebook), Vai de peixe busca fomentar hábitos de alimentación saudable e promover un consumo frecuente de peixe e marisco nesta franxa de idade, para concienciar da importancia dunha dieta equilibrada. A campaña tamén realiza accións destinadas á difusión de información dos produtos pesqueiros así como de receitas sinxelas e adaptadas ao estilo de vida millennial.