A Deputación fará tarefas de desinfección nas residencias de maiores

A partir de hoxe a Deputación realizará traballos de limpeza e desinfección con carácter preventivo nos catro centros de atención a maiores da súa titularidade, situados nos concellos de Pol, Trabada, Ribadeo e A Fonsagrada. Con esta medida, que está por riba dos propios protocolos establecidos polas autoridades sanitarias contra o Covid-19 neste tipo de instalacións, a Deputación segue extremando as precaucións para eliminar ou cando menos minimizar o risco de contaxio nas residencias, tanto das persoas maiores usuarias como dos profesionais que os atenden.

Os labores de desinfección desenvolveranse dende o vindeiro luns e durante o estado de alarma, cando menos. Cada un dos centros limparase dúas veces á semana.

Son unhas tarefas que se lle encargan á empresa pública Tragsa, medio propio da Deputación dende finais do pasado ano, e que se realizarán con persoal formado e cualificado na utilización de produtos químicos autorizados polo Ministerio de Sanidade.

O Presidente explica que “é fundamental protexer ás persoas maiores, xa que son as máis vulnerables xunto ás que padecen patoloxías previas, fronte a esta pandemia do coronavirus Covid-19. Por iso, a limpeza e a desinfección destes centros é moi importante para poder previr posibles contaxios”. Engade que estes traballos se farán de forma exhaustiva “tanto no interior como no exterior dos edificios coa finalidade de cubrir todas as zonas coas que a diario tanto os usuarios e usuarias como o persoal dos centros teñen contacto”.

Dende antes de que se decretara o Estado de Alarma, os catro centros de atención a maiores da Deputación teñen implantado un protocolo específico de medidas contra o Covid-19 elaborado por persoal técnico da área de Promoción Económica e Social, baseado e en cumprimento da normativa, instrucións, protocolos ou guías publicadas polas autoridades competentes. Entre esas medidas, atópase a prohibición de visitas de amigos e familiares, e tamén o reforzo do servizo de limpeza, prestando especial atención ás zonas de acceso e saída dos sectores de illamento, escaleiras, portas, ascensores, zonas de deambulación, entre outras, para reducir o risco de transmisión do coronavirus.

Os labores de desinfección das residencias súmanse ás medidas xa adoptadas pola Deputación fronte á crise do Covid-19. Ademais de reorganizar a plantilla para reducir ao mínimo imprescindible a presenza de traballadores e traballadoras nas dependencias e servizos provinciais con traballo non presencial, a atención telefónica e quendas mantendo as funcións da Administración para seguir dando servizo á cidadanía e aos concellos, o Goberno adoptou decisións de carácter social e económico para paliar o impacto desta crise, como a de adaptar o Plan Único 2020 para que os concellos poidan usar estes fondos para cubrir medidas sociais derivadas do impacto do coronavirus; suspender todos os prazos de tramitación dos procedementos da institución; priorizar o pago a provedores da institución para inxectar liquidez nas empresas e contribuír deste xeito a que poidan pagar salarios e gastos correntes e manter así a súa actividade; ou reforzar o servizo de teleasistencia domiciliaria para facilitar información e recomendacións aos máis de 1.300 usuarios e usuarias.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: