Axencia de colocación

Ribadeo promove a venda directa dos produtos da horta e a súa entrega

O Concello de Ribadeo pon en marcha unha campaña para promover a venda directa dos produtos da horta e a súa entrega gratuíta nos domicilios das persoas interesadas no consumo local. Será mentres dure o confinamento, segundo explicou este mediodía o concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso.

O edil contou que “o Concello, en colaboración coas persoas produtoras e labregas de Ribadeo inscritas no REAGA, ven de poñer en marcha unha campaña para promover a venda directa dos produtos da nosa horta e a súa entrega nos domicilios das persoas interesadas en consumir o noso produto local”.

Vizoso indicou que “as persoas consumidoras poderán ter as súas cestas de produtos de tempada e frescos na súa casa poñéndose en contacto coa produtora que elixa, que lle informará sobre a dispoñibilidade de cada produto e levaralle o pedido co desprazamento gratuíto no día que eles concreten. Trátase de produtos de tempada que habitualmente víñamos atopando no mercado e tamén de planta hortícola”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local explicou que “con esta iniciativa preténdese facilitar a venda de produtos de horta que anteriormente se distribuían no mercado e avanzar noutras formas de comercialización, ademais de promover que as persoas se queden na casa, que nestes momentos é o máis importante. Dende o Concello queremos animar deste xeito a consumir produtos da nosa zona, que son frescos, saudables e de temporada, axudando tamén a crear comunidade entre a veciñanza”.

Pablo Vizoso engadiu: “quero remarcar que se trata dunha campaña aberta, na que poden participar todas aquelas persoas produtoras e labregas de Ribadeo que figuren inscritas no REAGA. Polo tanto quen queira participar que se poña en contacto co departamento de Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo, no correo electrónico adl@ribadeo.org”.

Etiquetas