Skip to main content
ActualidadeCervoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Alcoa seguirá coa produción na súa planta de San Cibrao

Por 31 Marzo, 2020Sin comentarios

Alcoa seguirá coa súa actividade en San Cibrao ao ser considerada “esencial”, así o comunicaba o presidente de Alcoa España Álvaro Dorado.

Os traballadores da planta do municipio de Cervo continuarán esta semana cos seus mesmos horarios e quendas, a pesar das restricións e medidas laborais anunciadas polo Goberno de España.

“Queda confirmada a continuidade das actividades da fábrica de San Cibrao, tanto na planta de Alumio como na de Alúmina, ao ser consideradas ambas as como esenciais”, precisa Dourado.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, tratou este asunto nunha reunión que mantivo por vía telemática co titular do executivo socialista, Pedro Sánchez.

“A produción continúa e debe continuar; non se pode parar da noite para a mañá unha empresa como Alcoa”, advertiu Feijóo.

Pola súa banda, tamén varios alcaldes da comarca da Mariña puxéronse en contacto con representantes do Goberno central ao longo das últimas horas para avanzar neste labor.

Mancomunidade de Municipios de A Mariña Lucense

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, agradece a boa disposición do Goberno para que a factoría Alcoa, de San Cibrao, siga traballando.

“Estamos moi satisfeitos coa decisión tomada polo Goberno. A boa disposición así o facía ver e temos a confirmación de que Alcoa sigue funcionando con normalidade. É unha empresa esencial, produtora de aluminio, material que se usa en moitas industrias alimentarias, conserveiras e manufactureiras de produtos esenciais”, explica o rexedor municipal focense.

Fran Cajoto engade “a ninguén se lle escapa que parar as cubas electrolíticas sería un peche inicial de Alcoa porque resultaría moi complicado volver arrincalas. Polo tanto isto alívianos e énchenos de ledicia. E tamén saber que puidemos aportar ese gran de area tanto María Loureiro como eu ao falar cos compañeiros de Madrid e expoñerlles as dificultades que isto podería ter. Esta é unha boa noticia para Alcoa e para toda a Mariña”.