Skip to main content
ActualidadeCervoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Cervo recoñece o esforzo do persoal de servizos sociais e de emerxencias

Por 31 Marzo, 2020Sin comentarios

O Concello de Cervo quere recoñecer o gran labor e o esforzo extraordinario que está a desenvolver o persoal municipal e de emerxencias nestes días complicados nos que están a redobrar esforzos.

Temos que poñer en valor –precisan- o traballo fundamental das 14 auxiliares de Axuda no Fogar que asisten a diario e atenden as necesidades daqueles veciños que están en especial situación de vulnerabilidade.

Ademais, tamén queren facer un recoñecemento especial ao labor do cadro de persoal do Centro de Día Residencia de San Ciprián; tanto no coidado e protección dos usuarios do centro, como no seu afán por mantelos conectados co exterior e coas súas familias a diario, por vía telemática “co que tentan facer moito máis levadías estas xornadas”. Así mesmo, tamén recordan ao persoal da unidade residencial da asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, situada en Cervo, cuxo labor é encomiable.

A solidariedade e a colaboración entre organismos, institucións e particulares están a ter un peso importante nesta crise. De tal xeito, que desde o Concello fan unha especial mención a aquelas veciñas voluntarias que xa levan confeccionadas coas súas propias mans máis de 1000 máscaras cun tecido especial que Alcoa lle doou ao Concello de Cervo, e que lles fixemos chegar para elaborar estes elementos de protección que están a ser distribuídos entre diferentes sectores da Mariña especialmente expostos ao virus.

Pola súa banda, o Servizo de Emerxencias Municipal está a realizar un labor fundamental para contribuír a conter a pandemia; desinfectando dúas veces ao día os espazos públicos, prestando especial atención aos Centros de Saúde ou ao Centro de Día Residencia. Ademais, cabe recordar tamén o seu importante labor didáctico impartindo charlas de prevención entre o persoal sanitario.

Desde o Concello, queren agradecer, así mesmo, a colaboración dos 12 alcaldes pedáneos –un por núcleo de poboación-, cos que creamos unha rede de emerxencia social para facer un seguimento daquelas persoas máis vulnerables que viven soas. De tal xeito que elaboramos un informe no que se identifican todos os casos, a fin de detectar calquera necesidade que puidesen ter nestes días de confinamento; dándolles resposta inmediata.

Do mesmo xeito, tamén queren nomear á vintena de persoas voluntarias que se puxeron en contacto co Concello, para colaborar nesta rede, en caso de que fose necesario.

Desde o Concello de Cervo recoñecen todos estes xestos de xenerosidade e de solidariedade tan necesaria nestes tempos complicados, nos que todos temos que poñer, na medida do posible, da nosa parte.