Skip to main content
Actualidade

O PP pide incrementar en 700.000 euros o Plan Único da Deputación

Por 1 Abril, 2020Sin comentarios

O grupo provincial do Partido Popular acaba de presentar as súas emendas ao Plan Único 2020, coa intención de mellorar o contido deste documento, de modo que resulte máis útil para os concellos nunha conxuntura na que teñen un papel de importancia extraordinaria para facer fronte á crise sanitaria provocada polo coronavirus. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala que o Plan Único, tal como o presentou o goberno provincial, é “un documento que limita máis a autonomía local respecto aos anteriores e non se incrementa nin un só euro con respecto á versión elaborada antes do estado de alarma, algo que resulta inexplicable”. Castiñeira destaca: “O plan chega tarde, mal e arrastro, non foi consensuado co Partido Popular e resulta moi pouco ambicioso con respecto á situación económica que espera nos próximos meses aos concellos”. Os populares instan a Tomé a deixarse de desculpas e de campañas inútiles e a aplicar medidas de apoio real aos concellos como fixeron outras deputacións.

Castiñeira destaca o feito de que, tal como está redactado neste momento, o Plan Único “desconta o custe das medidas de loita contra o COVID-19 aos propios concellos que deberían sacar crédito das inversións iniciais”. Resalta nesta liña que “a Deputación non puxo nin un só euro demais para a loita contra COVID-19 para dar equipos de protección aos concellos, polo que non entendemos que o señor Tomé se poña a dar leccións cando aínda non aportou nin un só euro”.

O portavoz popular explica que o seu grupo solicita “que o orzamento do plan se incremente en 700.000 euros ata chegar aos 22 millóns de euros, para posibilitar así fondos reais aos concellos”. Aclara que “a propia interventora confirmou nas comisións que é tecnicamente viable”.

Por outro lado, os populares, nas súas emendas demandan un incremento de todos os prazos nun mes, dado, di Castiñeira, “que os concellos están moi limitados neste momento de persoal e non teñen a culpa das inxerencias do propio goberno e de que o plan chegue tarde”. Igualmente, o grupo provincial do PP solicita que non se limite o uso das baixas como as prorrogas, e que se volva ao sistema do ano pasado.

Igualmente, as propostas populares inclúen que aos concellos con endebedamento excesivo, máis do 100%, se lles permita usar parte do importe que lles corresponda do Plan Único para paliar as partidas de gastos corrente afectados por esta débeda.

Castiñeira insiste en que “O PP non foi citado para consensuar o plan, pero, pese a elo, queremos sumar e mellorar o documento presentado polo equipo de goberno”.

Castiñeira, á vista das recentes manifestacións do presidente da Deputación, manifestou que o Plan Único non vai servir para que os lucenses esquezan que, ata o momento, o organismo provincial, presidido polo socialista José Tomé, non puxo nin un só euro para axudar aos concellos a afrontar a grave crise provocada polo coronavirus. Destacou que o Plan Único xa existía cando Tomé chegou á presidencia da Deputación e que esta vía de apoio aos concellos non exime á institución doutras fórmulas de apoio económico e técnico aos concellos para superar esta difícil conxuntura.