Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Burela informa sobre a xestión dos residuos no caso de ter unha persoa co virus

Por 2 Abril, 2020Sin comentarios

A Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Toñi Eijo, informa á poboación de Burela sobre como deben xestionar os residuos no caso de ter no fogar a unha persoa con positivo ou en corentena polo coronavirus (Covid-19). Estas directrices veñen marcadas nunha disposición xeneral do Ministerio de Sanidade publicada no BOE.

Eijo subliña que “queda prohibido depositar nos contedores de recollida  selectiva os residuos procedentes de fogares con persoas enfermas ou en corentena polo coronavirus. Deberán utilizar exclusivamente o contedor de fracción resto, o destinado aos residuos non reciclables, no noso caso o de cor verde”.

Desde a Concellería de Medio Ambiente explican os pasos a seguir, que serían os seguintes:

-Os residuos do paciente, incluído o material desbotable utilizado pola persoa enferma (luvas, panos, mascarilla), meteranse nunha bolsa de plástico (bolsa 1) nun cubo de lixo disposto na habitación, preferiblemente con tapa e pedal de apertura, sen realizar ningunha separación.

-A bolsa de plástico (bolsa 1) debe pecharse e introducirse nunha segunda bolsa de lixo (bolsa 2), xunto á saída da habitación, onde ademais se depositarán as luvas e mascarilla utilizadas polo cuidador, e se pechará antes de saír da habitación.

-A bolsa 2, cos residuos anteriores, depositarase co resto dos residuos domésticos na bolsa de lixo (bolsa 3) correspondente ao cubo de fracción resto.

-Inmediatamente despois realizarase unha completa hixiene de mans, con auga e xabón, ao menos  durante 40-60 segundos.

A xestión de residuos procedentes de fogares sen positivo ou en corentena por COVID-19 continuará realizándose do modo habitual.

A edil de Medio Ambiente engade: “queremos dende o Concello de Burela aproveitar para agradecer a comprensión e colaboración de todos os veciños nesta difícil situación. E felicitar a todos os nenos e nenas de Burela polo seu comportamento exemplar. Se seguimos respectando as normas pronto venceremos a este virus. Xuntos imos conseguilo”.