Skip to main content

A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá, en colaboración co Concello, convoca o concurso Arte con fabas, certame que ten o obxectivo de “promover a creatividade durante o confinamento provocado pola crise do coronavirus e para que entre tod@s fagamos posible que estes días pasen o máis ameno e rápido posible”.

Nas bases explícase que poderán participar todos os veciños e veciñas do concello de Lourenzá, as obras consistirán nun collage elaborado principalmente con fabas, podendo acompañarse doutro tipo de materiais. A temática e o tamaño serán libres. Establécense tres categorías: ata 10 anos, de 11 a 16 anos e adultos. Haberá un premio para cada categoría, consistente nun vale de compra de 75 euros e trofeo.

As obras presentaranse na biblioteca municipal despois de que se levante o estado de alarma e se podan abrir as oficinas municipais. Nese momento informarase da data de finalización do prazo para entregar os traballos, que pasarán a ser propiedade do Concello e serán expostos durante a celebración da XXX Festa da Faba.

O presidente da ACIAL, Javier Huertas, explica que “nestes momentos duros e difíciles que nos tocou vivir, en colaboración co Concello de Lourenzá, organizamos este concurso para facer un pouco amena esta cuarentena e ao mesmo tempo, cando esta pase, fomentar o consumo no comercio local”.

Javier Huertas engade: “son uns tempos duros tanto para comerciantes, hostaleiros, autónomos por todo o que esta dura situación conleva. Por iso pedimos un exercicio de reflexión, que cando todo isto pase volvades mercar no noso comercio, confiar nos nosos autónomos para o arranxo, remodelación…, que volvamos xuntarnos nos bares e cafeterías. Porque somos os teus veciños e temos que conseguir que o pobo de Lourenzá siga medrando. Moitas veces só precisas mirar ao teu arredor para encontrar o que buscas. Moito ánimo a todos! Queda un día menos para que volvamos á normalidade. Agárdanse tempos difíciles, pero entre todos lograremos superalos”.