O Goberno amplía os prazos do seguro agrario

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa), decidiu ampliar en 20 días naturais a data de finalización dos períodos de subscrición de seguros agrícolas que finalicen antes do 16 de abril de 2020, fóra dos módulos con cobertura de xeada.

Esta ampliación afecta as producións e ámbitos que, de acordo coas peticións realizadas polos representantes do sector, resulta necesaria como as producións de uva para vinificación, cereixa, cultivos forraxeiros, cultivos industriais téxtiles e non téxtiles e uva de mesa.

Ademais, amplíase polo mesmo período o prazo para poder realizar modificacións das declaracións de seguro.

Hai que destacar que, con carácter xeral, a contratación de seguros agrarios está a desenvolverse con normalidade, xa que se realiza de forma telemática, case na súa totalidade, polos tomadores e distribuidores de seguros. A este feito hai que engadir que o propio real decreto polo que se declara o estado de alarma, contempla expresamente a posibilidade de realizar desprazamento a entidades financeiras e de seguros. Así mesmo, existe a posibilidade de que o pago se faga mediante domiciliación bancaria.

Con todo, ante a situación excepcional pola que atravesa o país como consecuencia da crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, o Ministerio decidiu adoptar esta decisión para que ningún agricultor teña dificultade para realizar a subscrición do seguro agrario por esta causa.

O Sistema de Seguros Agrarios Combinados é a principal ferramenta para a xestión de riscos no sector agrario. Caracterízase pola súa axilidade e dinamismo para adaptarse ás circunstancias. Por iso, #ante a excepcionalidade da situación actual, puxéronse en marcha os mecanismos para que agricultores e gandeiros poidan subscribir o seu seguro agrario con maior facilidade e garantía.

Etiquetas