Skip to main content
Actualidade

A CIG pide medidas de protección e que se realicen test nas residencias

Por 5 Abril, 2020Sin comentarios

A CIG vén de presentar denuncia na Inspección de Traballo, Consellaría de Sanidade e Subdelegación do Goberno para esixir que se dote a todas as traballadoras e traballadores das residencias de maiores, dos centros de atención a persoas con discapacidade e dos centros de menores da provincia, tanto públicos como privados, dos medios  de protección necesarios e adecuados á actual emerxencia sanitaria.

Así mesmo, tras a aparición dos primeiros casos de contaxio confirmados no CAPD de Sarria, da Milagrosa e das Gándaras en Lugo ou na residencia que DomusVi xestiona en Castro Ribeiras do Lea (Castro de Rei), e nomeadamente no caso da Mariña en residencias de Burela, Foz e Mondoñedo, a CIG demanda tamén a realización de test de detección a todas as persoas residentes nestes centros e a todas as traballadoras e traballadores, e que estas probas se repitan de xeito periódico.

A central entende que comprobar o número de positivos resulta imprescindíbel para delimitar a incidencia do contaxio e atallar a posíbel extensión, evitando así que se convertan nun novo foco da enfermidade, como xa ten ocorrido noutras vilas de Galiza.

De igual maneira, dende a CIG solicítase extremar as medidas de limpeza e desinfección, como medida mínima imprescindíbel para o control da propagación da enfermidade.

Tanto o persoal como os usuarios e usuarias destas centros están expostas a un grave risco por contaxio da COVID19 dende o comezo da emerxencia sanitaria. Por iso, a CIG solicitou dende o primeiro momento e en reiteradas ocasións que se adoptaran as medidas de prevención e protección urxentes e axeitadas.

Agora, as deficiencias das escasas medidas aplicadas estanse a evidenciar coa aparición dos primeiros casos de contaxio. Esta situación provoca ademais que o persoal destes centros  estea sufrindo unha exposición innecesaria ao propio risco biolóxico pero tamén, unha situación de estrés emocional e ansiedade ao vérense expostos a un risco grave, inminente e descoñecido ante o que se senten totalmente desprotexidos no ámbito laboral.

Unha ansiedade común á que se dá noutros centros de traballo onde se continúa coa actividade, pero incrementada se considerando a especial vulnerabilidade ao risco das persoas residentes.