Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Concello de Burela dá por finalizadas as Escolas Deportivas de inverno

Por 8 Abril, 2020Sin comentarios

A Concellería de Deportes de Burela anuncia que se dan por finalizadas as Escolas Deportivas de Inverno na localidade. O Concello procederá a devolver as cotas ás familias afectadas desde mediados de marzo ata maio, que era cando ían rematar. A Delegación de Deportes traballa na organización das Escolas Deportivas de Verán, pero todo quedará pendente das directrices que o Goberno do Estado dea para os vindeiros meses. Hai outras actividades como a Carreira Nocturna ou a Semana do Deporte, que tamén están pendentes.

O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, contou que “no día de hoxe queremos anunciar desde a Delegación de Deportes de Burela que imos dar por finalizadas as Escolas Deportivas de Inverno, dada a situación extraordinaria que estamos vivindo. Acababan a finais de maio e agora mesmo non se pode pero entendemos que, aínda que se abrira un pouco a man, non é prudente reanudar a actividade para uns poucos días, co cal imos dar por pechadas as Escolas Deportivas de Inverno deste ano no Concello de Burela”.

O edil explicou que “imos devolver as cotas correspondentes desde o día 15 de marzo, o mes de abril e o mes de maio. Están os servizos técnicos traballando xa na maneira na que se vai facer esa devolución. En canto saibamos cal vai ser o procedemento anunciarémolo e dirémoslle á xente que ten que facer para reclamar ou se xa directamente lle devolvemos esa contía na súa conta”.

Fernández Rey dixo que “con respecto ás actividades de inverno, no aspecto deportivo, imos barallar todas as posibilidades que hai. Imos ir vendo como vai evolucionando a situación. Tíñamos unha serie de actividades como podía ser a Carreira Nocturna e a Semana do Deporte, que tamén quedara aprazada, que non sabemos se imos poder facelas ou non. Estaremos á expectativa do que vai dicindo o Goberno, as medidas que se toman e desde logo imos facelo sempre con toda seguridade, se nalgún momento podemos chegar plantearnos facelas”.

O concelleiro de Deportes engadiu que “as Escolas Deportivas de Verán que facíamos por mediación do técnico de deportes do Concello de Deportes, en principio seguimos traballando para programalas pero, vai depender todo da situación que vaia xurdindo e como nos vaian dicindo as autoridades que hai que proceder”.